A Deputación de Lugo apoia ao Club Ciclista Viveiro coa compra dun vehículo para a súa escola de base

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo financiará a adquisición dun vehículo destinado aos desprazamentos das categorías inferiores do Club Ciclista Viveiro, unha iniciativa que permitirá mellorar a loxística e o funcionamento da súa escola de ciclismo de estrada, formada por deportistas de entre 5 e 17 anos de Viveiro e doutros concellos da Mariña.
O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, e o deputado de Mocidade, Daniel García, visitaron as instalacións do club para coñecer de primeira man o traballo que se desenvolve desde a entidade, e confirmaron o apoio económico da institución provincial, cunha achega excepcional de 18.000 euros para a compra dun vehículo de segunda man.
Os responsables provinciais destacaron o papel histórico do club, que “sempre tivo unha presenza destacada no ciclismo de base da provincia” e valoraron “a vontade de renovar e fortalecer ese compromiso cunha escola que é das máis activas e dinámicas do territorio lucense”.
Castro e García subliñaron tamén “a importancia dun tecido asociativo forte, capaz de impulsar a práctica deportiva e ofrecer alternativas de ocio saudable á infancia e á mocidade”. Engadiron que “disciplinas como o ciclismo teñen unha complexidade engadida, polo transporte do equipamento e os desprazamentos ás competicións, polo que cómpre apoiar o seu esforzo con investimentos coma este”.
Durante o encontro, a directiva do club agradeceu o respaldo da Deputación e puxo en valor a colaboración de Alejandro Paleo e David Álvarez, que foron integrantes do club na súa infancia e que agora participan no proxecto como adestradores. Ambos contan con traxectorias destacadas no ciclismo profesional e semiprofesional galego.
Os representantes do Club Ciclista Viveiro destacaron ademais o apoio constante do tecido social e das familias do municipio, que manteñen viva unha tradición deportiva con décadas de historia.
Con este novo vehículo, o club poderá desprazarse con maior comodidade e seguridade ás probas e adestramentos por toda Galicia, garantindo que as novas xeracións de ciclistas da Mariña sigan formándose en condicións óptimas.