A Deputación de Lugo abre as portas do Pazo de San Marcos a usuarios de AFAN Burela

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, recibiu este martes no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a un grupo de 18 usuarios e usuarias da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e Outras Demencias de Burela, que participan nunha nova xornada do programa “Coñece a túa provincia”. A visita permitiulles descubrir de primeira man o funcionamento da institución provincial antes de iniciar un percorrido por algúns dos espazos máis representativos da cidade de Lugo.
Durante a recepción, a responsable provincial puxo en valor este tipo de iniciativas, subliñando “a importancia de achegar o patrimonio natural, cultural e histórico á veciñanza a través de propostas accesibles e gratuítas”. Segundo explicou, o programa está dirixido a entidades sen ánimo de lucro dos 67 concellos da provincia, co obxectivo de facilitar o coñecemento do territorio e fomentar a participación social. Nesta sexta edición, recentemente posta en marcha, está previsto que participen arredor de 3.000 persoas.
A xornada dos integrantes de AFAN Burela continuou cun roteiro polo casco histórico lucense, no que tiveron a oportunidade de visitar enclaves destacados como a Muralla Romana de Lugo ou o Museo Provincial de Lugo, entre outros puntos de interese que forman parte da identidade cultural da cidade.
Ademais deste grupo, ao longo desta semana máis de 180 veciños e veciñas pertencentes a oito colectivos da provincia participan tamén nas distintas rutas organizadas dentro do programa. Así, este mesmo martes sumouse a Asociación de Veciños As Victorias, que realizou un itinerario pola Mariña lucense, con paradas no paseo marítimo de Barreiros, na coñecida Praia das Catedrais e na parroquia de Rinlo.
O mércores será a quenda para a Asociación de Veciños de Mañente e para a Agrupación Deportiva San Xulián de Nois. Mentres os primeiros visitarán a Granxa Gayoso Castro e diferentes espazos da zona de Burela, os segundos coñecerán o funcionamento da produtora do Servizo de Audiovisuais da Deputación e desprazaranse ata o Museo Comarcal da Fonsagrada e unha fábrica de embutidos.
Xa o xoves participarán a Asociación de Veciños de Cerxedo e a Asociación de Veciños de San Xurxo O Refugio. Os primeiros achegaranse á fábrica de Sargadelos e ao núcleo mariñeiro de San Cibrao, mentres que o colectivo de Lourenzá visitará lugares emblemáticos da Ribeira Sacra como Gundivós e o Canón do Sil.
Pecharán a semana a Asociación de Veciños San Martín de Carral e a Asociación de Veciños San Pedro da Ribeira. No primeiro caso, a ruta combinará visitas á Granxa Gayoso Castro e á Mariña lucense, mentres que no segundo incluirá un percorrido polo O Cebreiro e a localidade de Triacastela.
Desde a Deputación destacan que “Coñece a túa provincia” consolídase como unha ferramenta clave para dinamizar o territorio, promover o turismo de proximidade e reforzar o vínculo da cidadanía co patrimonio lucense. A diversidade de rutas e a participación de entidades de diferentes puntos da provincia confirman o éxito dunha iniciativa que continúa medrando edición tras edición.