A Deputación de Lugo abre as inscricións para unha nova programación con 12 actividades gratuítas

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A iniciativa desenvolverase entre agosto e outubro nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses con 190 prazas dispoñibles
Os-Ancares
22 Jun 2026

A Deputación de Lugo abriu o prazo de inscrición para participar na nova programación de actividades gratuítas de lecer e educación ambiental correspondente ao terceiro trimestre do ano. A iniciativa inclúe un total de 12 propostas dirixidas á veciñanza e desenvolverase entre o 16 de agosto e o 3 de outubro nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, espazos xestionados pola institución provincial.

O programa conta cun total de 190 prazas e busca promover hábitos de lecer saudables ao tempo que fomenta o coñecemento e a sensibilización ambiental entre a cidadanía.

As actividades previstas na Reserva da Biosfera Terras do Miño darán comezo entre o 31 de agosto e o 4 de setembro coa celebración do obradoiro Rematando o verán, destinado a nenos e nenas e con 15 prazas dispoñibles en horario de mañá. A semana seguinte, entre o 7 e o 11 de setembro, desenvolverase Reciclaxe práctico para a vida cotiá, unha proposta dirixida ao público adulto.

Entre os días 14 e 18 de setembro tamén terá lugar o obradoiro Baños de Bosque, mentres que a finais dese mes, entre o 28 de setembro e o 2 de outubro, celebrarase a actividade Ferramentas Dixitais para un Futuro Sostible. Nesas mesmas datas tamén se desenvolverán dous cursos específicos relacionados cos anfibios: un sobre coñecemento das especies, costumes e hábitats e outro centrado na iniciación á gravación destes animais. Todas estas actividades celebraranse no Centro de Interpretación de Terras do Miño.

Pola súa banda, a programación prevista na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá arrancará o 16 de agosto en Becerreá cunha xornada dedicada ás cántigas e ao baile tradicional. Ademais, neste municipio organizarase un obradoiro de elaboración artesanal de xabón durante os días 7 e 8 de setembro.

En Navia de Suarna desenvolveranse actividades dirixidas tanto á infancia como ao público adulto. Os días 29 e 30 de agosto celebrarase un taller orientado a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos para aprender a moverse pola montaña, mentres que o 24 de setembro terá lugar un taller de cociña tradicional.

En Cervantes está prevista para o 6 de agosto unha marcha con observación astronómica na contorna do Castelo de Doiras baixo o título A Fortaleza das Estrelas, destinada a participantes a partir dos 12 anos. Ademais, durante os días 11, 18 e 25 de setembro organizarase un obradoiro de restauración de mobles no Centro de Desenvolvemento Rural Ancares.

As persoas interesadas en participar poderán formalizar a inscrición a través das diferentes canles habilitadas pola institución provincial, tanto mediante teléfono como por correo electrónico e a través da plataforma habilitada na páxina web da Deputación.

0.14157605171204