A Deputación comprométese coas melloras no centro de Aspanane Viveiro

AMariñaXa
A Deputación pavimentará e drenará os exteriores de Aspanane Viveiro. esta actuación, terá un custe de preto de 50.000 euros,
aspanane viveiro
12 Xuño 2022

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinaron o convenio de colaboración para a pavimentación e drenaxe dos exteriores do Centro Ocupacional de Aspanane (Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Viveiro).

Grazas ás xestións do Concello de Viveiro acometerase esta actuación, que terá un custe de preto de 50.000 euros, dos que a Deputación achega 44.242 euros, correspondendo o resto ao concello. 

“Deste xeito e grazas á Deputación, o Concello de Viveiro realizará nas naves do centro as obras necesarias para eliminar os problemas de filtracións existentes”, explica a alcaldesa de Viveiro.

O proxecto contempla o acondicionamento do recinto exterior pechado co que conta este centro, que estará destinado ao lecer dos usuarios e usuarias de Apanane. As obras consistirán na ampliación da zona asfaltada, que permita a correcta circulación polo perímetro do edificio, e a creación dunha ampla zona verde para conseguir espazos agradables. Así mesmo, o proxecto inclúe a realización dunha drenaxe perimetral do edificio para evitar así as filtracións de auga no interior do inmoble. 

O presidente da Deputación subliñou que con esta achega económica “a institución dá resposta a unha demanda da alcaldesa, quen mantén un compromiso absoluto con Aspanane polo gran traballo que realizan e o seu esforzo diario”. Unhas actuacións, explica o mandatario provincial, “que servirán para mellorar as infraestruturas desta entidade social, que desenvolve un labor primordial coas persoas con discapacidade intelectual da Mariña”. 

“O noso compromiso coa directiva e xerencia de Aspanane é absoluto, polo gran traballo que realizan e o seu esforzo diario”, engade María Loureiro, que remata lembrando que “continuamos por suposto coas xestións para conseguir crear a residencia de Aspanane, ben sexa na segunda planta do centro ou noutra ubicación”.

0.19726705551147