A Deputación colabora para a mellora da imaxe do centro de Foz

Foz
AMariñaXa
Así realizaranse traballos de reforma en dúas rúas, Alfonso X e Alfredo Brañas
Sinatura-convenio-Foz
16 Nov 2024

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou no Pazo de San Marcos co alcalde de Foz, Francisco Cajoto Caserío, un convenio de colaboración a través do que a institución provincial destina 115.000 euros para renovar o firme e realizar o repintado completo das rúas Alfonso X e Alfredo Brañas.

O presidente enmarcou esta iniciativa na “cooperación, intensa e continua, que mantemos co Concello de Foz, e co resto dos concellos, para que poida ofrecer máis e mellores servizos aos seus veciños e veciñas”. Neste caso, sinalou José Tomé que esta actuación que financia na súa totalidade a Deputación de Lugo, encaixa plenamente co modelo de Concello polo que aposta o Alcalde e o seu equipo de Goberno, “de facer de Foz un lugar máis moderno, seguro e pensado para o benestar da súa xente”. “Con esta iniciativa, non só melloramos a circulación e a seguridade nas vías, senón que tamén aumentamos o atractivo de Foz, o que favorece a súa dinamización social e económica, tanto para os veciños como para os visitantes”

Pola súa banda, o alcalde de Foz valorou o compromiso da institución, subliñando que “este investimento resulta clave para seguir avanzando na renovación da imaxe de Foz, mellorar os servizos e a calidade de vida dos e das focenses”.

Concreta Cajoto que “a reforma das rúas Alfonso X e Alfredo Braña incluirá a mellora do firme e o repintado completo das rúas,  nuns 1.550 metros cadrados”. Ademais, no marco das melloras da rede de saneamento do Concello de Foz, está prevista a continuación da rede recentemente renovada na rúa Irmandiños, que se estenderá pola rúa Alfonso X.

Nesta actuación, substitúese a rede de fecais e instalarase unha nova rede de pluviais, dotada de sumidoiros correspondentes. Aproveitando a intervención, tamén se substituirá a vella rede de abastecemento, retirando os colectores antigos e instalando unha nova rede de alta densidade, con diámetros de 110 e 90 mm. Finalmente, tamén se reporán as beirarrúas e o bordo da rúa, este último na marxe dereita. As obras teñen un prazo de execución de 3 meses.

0.14056706428528