A Deputación colabora coa celebración do XI Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos

AMariñaXa
A Deputación colabora coa celebración do XI Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos que se celebra ata o 26 de agosto
XI forum apaga Ribadeo Deputacion colaboracion
23 Ago 2022

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou na inauguración do XI Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, organizado pola Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) en Ribadeo. Esta cita, que reúne a 32 profesionais, estudantes e afeccionados do sector, celébrase ata o venres cunha axenda chea de actividades relacionadas co mundo da automoción, que inclúe materia máis teórica e visitas a empresas.

A Deputación colabora con esta xornada cunha achega económica de 3.000 euros “polo seu compromiso co coñecemento e coa formación neste sector, tan importante para o desenvolvemento económico do noso país”, explicou o Deputado, quen, neste sentido, destacou que a automoción “representa arredor dun 15% do PIB galego, cunha facturación de 11.200M€. Cunha participación nas exportacións de entorno a un 28%, o sector supera os 23.000 empregos directos repartidos en 200 empresas, e é tamén unha fonte importante de xeración de emprego indirecto”, destacou o Deputado.

Pablo Rivera subliñou que “o carácter interdisciplinar” da xornadas “é unha das razóns do seu éxico e consolidación” e que, un ano máis, “un dos atractivos” do encontro “o debate en torno ás novas tecnoloxías” porque “falar da innovación tecnolóxica nos automóbiles, autobuses e vehículos industriais é falar do futuro da súa industria e do conxunto da sociedade. A crise enerxética desencadeada debido á guerra de Putin en Ucraína non vén senón reforzar a necesidade de promover modelos de mobilidade que garantan o tráfico das persoas e as mercadorías, pero poñendo o acento na sostibilidade e no respecto polo medio ambiente”.

0.14299392700195