A Deputación aproba o primeiro paquete obras en vías das comarcas da Terra Chá, Lugo, A Mariña e a Montaña

LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa
Supón un investimento total de 2.25 millóns de euros para a reapertura de cunetas, a repavimentación do firme e a reposición da sinalización
Pablo Rivera Capón
5 Dec 2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este xoves un conxunto de investimentos por un total de 2,25 millóns euros para realizar novas obras e actuacións que beneficiarán directamente aos veciños e veciñas da provincia. Así o anunciou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, que recalcou que son “proxectos que mellorarán a rede de estradas provinciais, así como os servizos, as infraestruturas e diversas dotacións de oito concellos da provincia”.

Rivera Capón fixo referencia a que “un dos nosos obxectivos prioritarios como Goberno Provincial é a mellora da mobilidade do conxunto da provincia. Por iso, na sesión desta mañá aprobamos licitar por un importe de algo máis de 1,8 millóns de euros as obras de acondicionamento de 7 estradas provinciais ao seu paso polas comarcas da Terra Chá, Lugo, A Mariña e a Montaña”.

Nesta liña, o deputado incidiu en que se tratan de proxectos que se inclúen no primeiro paquete de actuacións nas estradas provincias “que anunciou esta mesma semana o Presidente. Con estas obras que vimos de aprobar hoxe cumprimos co compromiso de comezar xa o proceso de contratación destas actuacións para executalas o próximo ano”.

Na comarca da Terra Chá, aprobáronse os proxectos de mellora de catro estradas. Na LU-P-2301, que une Guitiriz con Vilares, a institución provincial destina case 247.000 euros para acondicionar o tramo que vai dende o punto quilométrico 6,7 ata o 9,2.

Con preto de 206.000 euros arranxaranse outras dúas vías. Por unha banda, en Xermade acondicionarase un treito da LU-P-2206, a vía que une Roupar ata Vilapedre por Lousada. En concreto é o tramo que vai desde o punto quilométrico 1,8 ata o 5,5; e por outra banda, en Vilalba renovarase a LU-P-6509, a estrada limítrofe que vai de Carrizo ata Lousada. O proxecto inclúe a reposición das marcas viais desde o principio da vía e ata o punto 9.

Por último nesta comarca, a Deputación destina máis de 422.140 euros para acondicionar dous tramos do cinto comarcal, a LU-P-1611, ao seu paso polo concello de Begonte. Mellorarase o treito que vai do punto 71,7 ao 73,1; e do 78,6 ata o 81,8.

As obras que se van realizar nestes tres proxectos consisten na reapertura de cunetas, a repavimentación do firme e a reposición da sinalización.

Na comarca de Lugo, realizaranse as seguintes actuacións. Unha delas é para dar continuidade ás melloras do cinto comarcal, neste caso, ao seu paso polo concello do Corgo. A estes traballos destínanse case 605.000 euros para arranxar o treito que vai do punto quilométrico 0,1 ata o 5,6; e do 6,6 ao 7,5. Neste tramo tamén se acometerán a reapertura de cunetas, a repavimentación do firme e a reposición da sinalización.

Tamén na comarca lucense arranxarase en Castroverde a LU-P-1211, que vai desde Coto ata Arrubial por Porcín. Para esta actuación a institución provincial achega preto de 83.000€ para acondicionar o tramo que vai desde o inicio da estrada ata o punto 3,8. As obras consistirán na reapertura de cunetas, no saneo da explanada e na reparación de afundimentos.

Na comarca da Mariña acondicionarase en Trabada a LU-P-6101, a estrada que une Trabadela ata a Ría por Sante con case 150.000 euros. O tramo que se vai arranxar vai do punto 1,3 ata o 3,5 e os traballos consistirán na pavimentación e no repintado da sinalización e o balizamento.

Na comarca da Montaña mellorarase nas Nogais a LU-P-3701, a vía que vai desde este municipio ata a LU-P-4504 por Pintinidoira. Concretamente, renovarase un treito de 20 quilómetros desde o inicio da estrada con case 119.000€ e realizarase a reapertura de cunetas e a reparación de afundimentos.

O prazo de execución de todos estes traballos é de 2 meses desde que se inicien as obras.

0.16664719581604