A Deputación aproba o Plan Estratéxico de Subvencións, dotado con 7,2M€

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Xunta de Goberno deu luz verde ao PES, o instrumento co que regula a concesión de axudas ao tecido asociativo da provincia.
Pazo San Marcos Lugo
4 Feb 2022

A Xunta de Goberno deu luz verde ao PES, o instrumento co que regula a concesión de axudas ao tecido asociativo da provincia para que manteña a súa actividade e contribúa así ao dinamismo social e económico e favoreza o emprego e o benestar.

A Xunta de Goberno aprobou este venres a actualización do Plan Estratéxico de Subvencións (PES) da Deputación de Lugo para este ano 2022, que conta cunha dotación económica de 7,2M€, e que tal e como informou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, poderá incrementarse en función do crédito dispoñible.

García Porto explicou que o Plan Estratéxico de Subvencións, que é o instrumento que regula a concesión de axudas económicas da institución provincial ao conxunto do tecido asociativo da provincia, tanto de carácter nominativo como de concorrencia competitiva, “serve para manter o amplo e dinámico tecido asociativo co que contamos na provincia de Lugo e que dinamiza o territorio a nivel social e económico, e, ao mesmo tempo, serve para contribuír ó desenvolvemento de proxectos que impulsen o emprego e os sectores produtivos, o benestar social ou a promoción do territorio e do turismo, entre outros ámbitos”.

Neste sentido, a voceira socialista do Goberno indicou que liñas de actuación como o Emprego contan cunha dotación de preto de 900.000€; promoción do Territorio e Turismo, de case 500.000€; Benestar, de 577.000€; ou Medio Ambiente, de 356.100€. Pilar García Porto sinalou que terán prioridade aquelas iniciativas que promovan a participación cidadá, potencien o patrimonio da provincia, aposten pola innovación, estimulen a formación e, entre outras condicións, axuden a fixar poboación no rural.

COÑECE A TÚA PROVINCIA

A Xunta de Goberno sacou tamén adiante a licitación, por 33.000€, do contrato para a adquisición de artigos que serán entregados como agasallo institucional ás máis de 3.000 persoas que participarán na segunda tempada do programa Coñece a túa Provincia.

Lembrou a voceira socialista que este programa de viaxes gratuítas pola provincia dirixido a entidades sen ánimo de lucro foi posto en marcha dende a Deputación de Lugo “para fomentar o coñecemento da nosa riqueza patrimonial entre os propios veciños e veciñas e, ao mesmo tempo, para incentivar o turismo de proximidade e apoiar aos sectores hostaleiro e comercial, dos máis prexudicados polas restricións da pandemia”.

0.13697409629822