A Deputación aproba novas obras de mellora da mobilidade por preto de 900.000 euros
A Deputación de Lugo aprobou na Xunta de Goberno desta semana novas actuacións para seguir mellorando a mobilidade na provincia por un investimento que se achega aos 900.000 euros.
Por unha banda, o órgano provincial deu luz verde á licitación das obras de humanización do entorno da praza da Galeguidade, no concello de Muras, por un importe de preto de 275.000 euros.
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, recordou que “a Deputación financia integramente esta actuación a través dun convenio de colaboración que asinou o Presidente provincial co Alcalde de Muras e, agora, a institución tamén se encarga do procedemento de contratación da obra”.
O proxecto conta cun prazo de execución de tres meses e levará consigo a creación dun novo espazo de convivencia que dará un maior protagonismo aos peóns, reducirá a velocidade dos vehículos e mellorará a accesibilidade. “Vaise xerar unha única plataforma de pedra e formigón que unirá as fachadas dos edificios coa Alameda da Praza da Galeguidade, renovaranse as subministracións públicas e dotarase de novas luminarias e mobiliario urbano a esta zona”, destacou Rivera Capón.
Melloras no Páramo e Ribadeo
Por outra banda, e co obxectivo de continuar mellorando a rede viaria provincial, a Xunta de Goberno aprobou o acondicionamento de catro estradas no Páramo e Ribadeo.
“No concello de Páramo aprobamos a adxudicación, por un importe de máis de 100.000 euros, de obras nas estradas LU-P-4203, LU-P-4205 e LU-P-4206 á empresa Construcciones y Obras Taboada y Ramos SLU cun prazo de execución de 4 meses”, sinalou o Deputado. Estas vías, que dan servizo a varias parroquias paramesas, serán renovadas en máis de 13 quilómetros.
Pablo Rivera explicou que a rehabilitación de 6 quilómetros da LU-P-4203 favorecerá ao importante volume de tráfico desta vía que dá servizo ás parroquias de Friolfe e A Torre, ademais de unir O Páramo co concello de Paradela. A estrada LU-P-4305, que conecta con Moscán, será rexenerada nuns 1,5 quilómetros e, por último, as obras de acondicionamento da LU-P-4306, que vai a Santo André da Ribeira, afectarán aos primeiros 5,6 quilómetros de vía.
Con respecto a Ribadeo, a Xunta de Goberno adxudicou por un importe de medio millón de euros obras de mellora na estrada LU-P-5207, que une a zona rural co centro da vila. “As actuacións levaranse a cabo nun tramo de algo menos dun quilómetro á altura do inicio da estrada, entre os puntos quilométricos 0,500 e 1,129, xusto no paso sobre as vías do tren, un treito que se dotará de beirarrúas”, explicou Rivera Capón.
Estes traballos mellorarán as condicións de seguridade da estrada, sobre todo tendo en conta que comunica co campo de fútbol Pepe Barrera e con instalacións deportivas de Ove, polo que é moi utilizada pola veciñanza en xeral, e por nenos e nenas que van a adestrar a estas dependencias.