A Deputación aproba investimentos por preto de 2M€ en 13 concellos
A Xunta de Goberno deulle o visto bo á adxudicación de obras en dúas estradas provinciais; a de Martín, en Baleira, e a que une Gontán con Ferreira do Valadouro, en Abadín. Licitada tamén a pavimentación da rúa San Isidro Labrador, en Lugo, por un importe que supera os 163.000 euros e a mellora do firme da LU-P-5202, de Ribadeo por Vilaselán a Alto dos Pinos, por 135.000 euros.
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres dedicar por un importe de preto de 2M€ investimentos en 13 concellos, para continuar mellorando a mobilidade, tanto en estradas provinciais, como municipais, dotar de máis e mellores servizos públicos á veciñanza, e impulsar a promoción turística. Así o anunciou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen detallou os acordos adoptados na reunión celebrada esta semana.
Por unha banda, quedaron adxudicados dous proxectos en estradas provinciais ao seu paso polos concellos de Baleira e Abadín. No caso de Baleira, a Deputación actuará na estrada de Martín, a LU-P-5401, cun investimento que supera os 260.000€. As obras foron adxudicadas á empresa Obras e Saneamentos Galicia SL por un prazo de dous meses, e afectarán ao treito que vai dende o punto quilométrico 1,015 ata o 7,420, dando continuidade aos traballos xa acometidos pola Deputación do quilómetro 7 ó 10. Consistirán na limpeza de laterais, o drenaxe, a pavimentación con aglomerado en quente, e sinalización mediante marcas viais reflexivas brancas.
No caso de Abadín, quedou aprobada a adxudicación de obras de mellora na LU-P-0101, que conecta Gontán con Ferreira do Valadouro, cun investimento de máis de 335.000€. Nesta estrada a Deputación renovará cinco quilómetros desde o inicio da vía, e a empresa encargada dos traballos será Ovisa Pavimentos y Obras SLU, cun prazo de execución de menos de 2 meses. “Trátase dunha estrada que dá acceso a unha gran cantidade de servizos, como a área recreativa de Gontán e diferentes rutas de sendeirismo moi empregadas por residentes e visitantes”, explicou García Porto.
San Isidro Labrador e estrada de Ribadeo a Alto dos Pinos
Por outra banda, a Xunta de Goberno sacou adiante a licitación de dúas actuacións nos concellos Lugo e de Ribadeo. No caso da capital lucense, trátase da pavimentación da rúa San Isidro Labrador no barrio lucense da Piringalla, cun importe que supera os 163.000€. Unha actuación, financiada integramente pola institución provincial, froito dun convenio de colaboración co Concello.
O proxecto contempla a retirada do firme e da práctica totalidade das beirarrúas existentes; a substitución da rede de abastecemento, que é de fibrocemento, por unha rede de tubaxes de fundición dúctil; a reposición das marxes para o paso dos peóns con loseta hidráulica; a colocación dun novo bordo e dun novo sistema de desaugue de pluviais; a repavimentación da calzada con aglomerado en quente; e a sinalización, tanto horizontal como vertical.
Por outra banda, aprobouse a licitación do contrato para acometer obras de mellora na estrada LU-P-5202, que é a que vai dende Ribadeo por Vilaselán a Alto dos Pinos, cun investimento de 135.000€. Estes traballos consistirán no acondicionamento da vía con aglomerado en quente nos dous primeiros quilómetros da vía.
Dotacións municipais
A Xunta de Goberno de hoxe aprobou un acordo de colaboración entre a Deputación de Lugo e o Concello de Catroverde para o asfaltado de camiños e acceso aos núcleos de Rodinso e O Grandón; e nos de Marrondo e Arcos. Ademais, a actuación inclúe o acondiciomento de accesos en Serés, así como o formigonado dun camiño e a construcción dun depósito contra incendios en Barredo. A institución provincial achega unha partida de 115.000€.
Aprobado tamén un acordo co Concello de Guitiriz a través do que a Deputación financiará con 114.000€ a urbanización da Rúa Boa Veciña, “unha vía moi transitada na localidade, pois enlaza coa rúa Manuel María, punto de paso ó centro de saúde e ó instituto, e incluso para desprazarse ata o acceso á autovía”. A actuación inclúe a humanización integral da rúa e a renovación de beirarrúas.
A institución provincial aprobou investir 48.000€ no concello de Meira para a renovación e mellora do parque infantil Profesor Río Barxa, “un pulmón verde en pleno casco urbano e rodeado polo río Miño, que é moi empregado polos meiregos como espazo de lecer e que conta cun conxunto etnográfico de gran interese”, subliñou García Porto.
A Deputación colaborará tamén co Concello de Ribeira de Piquín. A Xunta de Goberno de hoxe aprobou unha aportación de medio millón de euros, distribuída en catro anualidades (do 2023 ó 2026), para manter o funcionamento do centro de día do municipio para persoas maiores.
O Goberno acordou así mesmo destinar 123.400€ ao Concello de Foz para colaborar na adquisición de catro vehículos que incorporará ao parque móbil municipal e dun novo escenario para a celebración de eventos e festas no municipio, e 72.500€ ó Concello de Barreiros para acometer conxuntamente as obras de instalación de xogos xuvenís no parque da parroquia de San Cosme.
Por outra banda, a Deputación colaborará un ano máis co festival Aturuxo de Bravos, en Ourol, nesta ocasión cunha achega de 20.000€.
Plan Único en Cospeito
Finalmente, a Xunta de Goberno deu o visto bo a solicitude do Concello de Cospeito para investir remanentes do Plan Único de Cooperación cos Concellos do ano 2022 en novas actuacións. En concreto, destinará preto de 11.000€ na reforma da área de xogos infantís de Roupar.