A Deputación aportará unha axuda para as actividades de Nadal de Acisa Ribadeo

TerraChaXa | AMariñaXa
A Deputación aportará unha axuda para as actividades de Nadal de Acisa Ribadeo. Aportará 6.000 euros para a ambientación das rúas
30 Dec 2020

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou co xerente de Acisa Ribadeo (Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos), Jesús Pérez Prada, un convenio de colaboración polo cal a institución provincial achega 6.000€ para a ambientación de Nadal nas rúas da vila ribadense, contribuíndo deste xeito a incentivar as compras durante as festas.

Concretamente, a axuda da Deputación permite contar este ano cunha árbore de dez metros de alto, con 1.200 metros de luces Led ao seu redor, que está instalada na praza de San Roque. Así mesmo, con dito investimento provincial colocáronse unha trintena de megáfonos para que soen panxoliñas durante as festas do Nadal.

Tomé Roca insistiu “na importancia de mercar no comercio de proximidade e apoiar aos establecementos das nosas vilas, dos nosos barrios, que sempre estiveron ao noso carón e que agora necesitan da nosa axuda para saír canto antes desta situación provocada pola pandemia”.

Así mesmo, o Presidente destacou que “dende a Deputación demostramos, unha vez máis, o noso compromiso co tecido produtivo da provincia, impulsando iniciativas que apoian a un sector como o do comercio e a hostalería especialmente castigados pola crise sanitaria do coronavirus”. 

0.11953377723694