A Deputación amplía o convenio co Concello da Pontenova para garantir a apertura da residencia de maiores

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou a ampliación do convenio interadministrativo co Concello da Pontenova, unha decisión que busca garantir a seguridade xurídica necesaria para culminar as actuacións pendentes e facer posible a apertura da residencia de maiores, unha infraestrutura considerada esencial tanto para a veciñanza do municipio como para o conxunto da comarca.
Desde a institución provincial explican que a renovación do convenio resulta un paso imprescindible, xa que o acordo vixente atopábase próximo á súa expiración. A súa continuidade permite dotar de estabilidade administrativa a un proxecto estratéxico e facilita que, unha vez completados os trámites legais actualmente en marcha, poidan reactivarse as obras e avanzar cara á posta en funcionamento do centro.
A situación actual da residencia vén marcada polo incumprimento contractual da empresa adxudicataria, tal e como recolle o informe técnico elaborado polo Servizo de Arquitectura da Deputación. Segundo este documento, os traballos atópanse executados nun 70,07 %, quedando aínda pendente arredor dun 30 % da obra. Ademais, o prazo máximo de execución rematou o pasado 15 de agosto de 2025, polo que o proxecto se atopa formalmente fóra de prazo.
O informe conclúe que os atrasos acumulados son imputables ao contratista, polo que a Administración está legalmente habilitada para iniciar a resolución do contrato. Neste senso, desde a Deputación subliñan que a decisión adoptada non responde a criterios políticos, senón á aplicación rigorosa da normativa vixente e á defensa do interese público fronte a un incumprimento acreditado tecnicamente.
Durante o debate plenario, o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, destacou que “un exemplo claro desta actuación preventiva foi a decisión de iniciar a resolución do contrato antes mesmo de que a empresa entrase en concurso de acredores”. Segundo indicou, esta medida resultou clave para evitar maiores atrasos e consecuencias máis graves para o proxecto. Rivera Capón lembrou tamén que esta situación non é allea ao contexto xeral, xa que “problemas similares están a darse noutros centros residenciais da provincia, como Ribadeo ou Riotorto, aínda que nestes casos sen relación coa Deputación de Lugo”.
Unha vez iniciado o procedemento de resolución contractual, a Deputación solicitou o ditame preceptivo do Consello Consultivo de Galicia, tal e como establece a lexislación. Este órgano independente comunicou oficialmente a necesidade de dispor dun prazo adicional de 15 días para emitir o seu informe, unha ampliación que foi tramitada pola Deputación con absoluto rigor administrativo.
Desde o goberno provincial aclárase que este paso é obrigatorio por lei e garante que todo o proceso se desenvolva con plenas garantías xurídicas. Unha vez emitido o ditame, procederase á liquidación definitiva do contrato e activaranse de inmediato os seguintes trámites administrativos necesarios para retomar as obras.
A ampliación do convenio aprobada polo Pleno ten como obxectivo evitar calquera baleiro xurídico e asegurar a continuidade da cooperación entre administracións. Desde a Deputación insisten en que se trata dun paso clave para que, resolta a situación contractual, poida avanzarse con axilidade cara á finalización da residencia e á súa apertura ao público. “Estamos a actuar con responsabilidade, rigor técnico e respecto escrupuloso á legalidade, co único obxectivo de protexer o interese público e facer realidade canto antes este servizo”, sinalan desde a institución, que reafirma o seu compromiso coa atención ás persoas maiores e cun modelo de servizos sociais que permita á veciñanza seguir vivindo nos seus concellos con dignidade, seguridade e calidade de vida.