A Deputación aglomera e dota de beirarrúas a estrada de Vilaselán, en Ribadeo
Comezaron os traballos de mellora na estrada LU-P-5202, de Ribadeo por Vilaselán a Alto dos Pinos (N-634), na zona da Lodeira, que financia a Deputación cun investimento de 47.000 euros. Concretamente, as obras consisten no acondicionamento da vía con aglomerado en quente e a dotación de beirarrúas. Ditas obras faranse entre os puntos quilométricos 0 e 0,406 e o prazo de execución é de 1 mes.
O presidente, responsable de Xestión Territorial, explicou que estas obras son moi importantes, pois permitirán aos veciños e veciñas de Vilaselán poder ir andando con total seguridade ao centro de Ribadeo. Ao mesmo tempo, as melloras beneficiarán aos centos de usuarios que empregan a vía, pois trátase da estrada que comunica coa rotonda que da acceso á autovía que une Galicia con Asturias.
Con esta actuación na rede viaria provincial, a máis extensa de España, a Deputación segue traballando nun dos seus principais obxectivos, como é a mellora da mobilidade, necesaria para aumentar a calidade de vida dos veciños e veciñas, e favorecer a igualdade de oportunidades e o equilibrio territorial. De feito, a día de hoxe, a institución ten en marcha obras de mellora de estradas por toda a provincia por un importe que supera os 3M€.
PICO DE COAÑA
A concelleira de Obras, Mónica Freire, supervisou as obras de renovación do pavimento que se están a acometer na rúa Pico de Coaña. O investimento é de 30.000 euros e os traballos estarán rematados a mediados de decembro.
A concelleira de Obras, Mónica Freire, contou que “estamos para comprobar as obras que se están a realizar da renovación do pavimento, puidemos ver que avanzan a un moi bo ritmo e esperamos que estean rematadas en dúas ou tres semanas”.
A edil ribadense explicou que “se trata dun proxecto de aproximadamente 30.000 euros de orzamento co que imos cambiar o pavimento de asfalto, que existe na actualidade, polo de aglomerado, e ao mesmo tempo dotaremos de nova canalización para a recollida de augas pluviais e fecais. Tamén aproveitaremos estes traballos para substituír a actual canalización de abastecemento de auga municipal”.
Mónica Freire engadiu: “como ocorre nestes casos, pedímoslles aos veciños e ás veciñas un pouco de paciencia mentres duren as obras coa idea de poder rematalas canto antes. Pensamos que a mediados de decembro estarán listas”.