A Deputación achega preto de 50.000 euros para crear en Trabada un centro de novas tecnoloxías
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou unha colaboración económica da institución provincial co Concello de Trabada por máis de 48.000 euros para a construción dun centro de novas tecnoloxías na parroquia de Vilaformán. Así o informou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen detallou que o importe achegado pola Deputación supón máis do 90% do custe total da actuación.
“Trátase dunha iniciativa de carácter innovador impulsada pola Alcaldesa e tamén Deputada provincial, Mayra García, que vai favorecer o acceso e o uso das novas tecnoloxías no rural, e con elo dinamizar a vida social e económica do municipio”, explicou Rivera Capón. O Deputado sinalou que o novo servizo, que se situará no antigo teleclub, prestará atención de xeito directo a medio cento de veciños e veciñas da parroquia, pero tamén á veciñanza de todo o concello.
O proxecto servirá para poñer a punto 131 m2 deste edificio, separado en dous espazos: nun deles instalaranse mesas con ordenadores e noutro, a maiores, un proxector cunha pantalla. Un espazo no que se poderán desenvolver outro tipo de actividades, como cursos relacionados con actividades do rural, clases de primeiros auxilios, ximnasia ou cursos informativos.
Segundo explicou o Deputado, os traballos consistirán, por unha parte, na retirada da rede eléctrica e os equipos de iluminación existentes, na demolición de tabiques, pavimentos e revestimentos interiores e na retirada da carpintería de madeira existente. E por outra, na adecuación e actualización do espazo e a construción dun aseo adaptado. O prazo de execución das obras será de dous meses, desde que comecen.