A Deputación abre o prazo para solicitar praza no programa Lugo Termal

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Deputación abre o luns o prazo para solicitar as máis de 1.000 prazas do programa Lugo Termal e contratos das residencias de maiores
balneario spa augas termais termas
26 Nov 2022

A Xunta de Goberno aprobou este venres as bases deste plan da institución provincial que oferta descontos nos establecementos termais da provincia e que nesta edición conta con 650 prazas na modalidade con estancia e 375 sen estancia.

A Deputación de Lugo abrirá o luns o prazo para solicitar algunha das 1.025 prazas do programa Lugo Termal. Tal e como anunciou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, a Xunta de Goberno aprobou este venres as bases dunha nova edición do programa de termalismo, avanzando que xa mañá sairán publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

“Nesta edición número 12 de Lugo Termal, dende a Deputación queremos seguir favorecendo o benestar social e promovendo o turismo de proximidade no territorio”, explicou García Porto, que detallou que haberá 650 prazas na modalidade con estancia e 375 na de sen estancia nos 3 establecementos da provincia: As Termas de Lugo, Río Pambre en Palas de Rei e Hotel Balneario Augas Santas de Pantón.

Este ano, o incremento do coste por praza derivado da inflación o asume integramente a institución provincial, que aporta practicamente o dobre que nas pasadas edicións. O que suporá o mesmo desembolso para as persoas solicitantes: 189,5€ na modalidade con estancia e 200€ na modalidade sen estancia.

As persoas interesadas deberán cumprir cos requisitos de ter máis de 50 anos, estar empadroado ou empadroada nalgún dos 67 concellos da provincia, valerse por si mesma, non padecer alteracións do comportamento que afecten á convivencia e carecer de contraindicacións médicas. Poderán presentar a documentación dende o vindeiro luns, 28 de novembro, a través do Rexistro Xeral – a cita previa pode solicitarse a través do teléfono 982 260 030- ou tamén, na páxina web da sede electrónica da Deputación de Lugo, sede.deputacionlugo.org.

A modalidade con estancia contempla seis días e cinco noites en pensión completa e con carácter xeral haberá 15 técnicas termais, agás que por razóns médicas xustificadas se desaconsellen, e haberá un recoñecemento médico previo á aplicación das técnicas termais. Haberá 75 prazas en Lugo, 500 en Pantón e 75 en Palas de Rei. Esta alternativa ten un custe máximo de 300€ por persoa e estancia, dos que a Deputación de Lugo farase cargo de 110,50€ de máximo e a persoa usuaria do restante.

A modalidade sen estancia, con 375 prazas, contempla dez días (de luns a venres). Inclúe un mínimo de 30 técnicas termais, agás que por razóns médicas xustificadas se desaconsellen. Neste caso, os participantes benefícianse dun prezo vantaxoso de 200€, gracias aos descontos que ofrece a Deputación. Haberá 100 prazas en Lugo, 150 en Pantón e 70 en Palas de Rei.

Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios

A Xunta de Goberno aprobou tamén o último paso administrativo para o pago das subvencións outorgadas a diferentes asociacións da provincia dentro do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios. Son preto de 60.000€ que a Deputación fará chegar a 12 entidades de 10 concellos da provincia que solicitaron estas axudas para diferentes actuacións, como melloras en locais sociais, actuacións para aumentar a accesibilidade, amaño de camiños e vías, instalacións eléctricas ou rehabilitacións de fontes públicas.

Neste caso concreto, aprobáronse as contas xustificativas das subvencións outorgadas a diferentes asociacións dos concellos de Folgoso do Courel, Quiroga, A Pobra do Brollón, As Nogais, Guntín, Castroverde, O Incio, Becerreá, Quiroga, Xermade ou Sober.

Este programa da Deputación de Lugo beneficia un total de 55 colectivos, que recibiron un importe conxunto de 300.000€ co obxectivo de mellorar a calidade e benestar dos veciños e veciñas do rural. 

Rede de Centros de Atención a Maiores da Deputación

A sesión deste venres tamén sacou adiante a licitación do contrato para o subministro de gas propano e mantemento dos depósitos de 7 residencias da rede de Centros de Atención a Maiores. Un contrato que afectará ás residencias que a Deputación ten en Trabada, Pol, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Meira, xa en funcionamento, e á de Ribas de Sil, que está previsto abrir antes de que acabe o ano.

O orzamento de licitación e de máis de 200.000€ e terá unha duración dun ano con posibilidade de dúas prórrogas, a primeira dun ano e a segunda, ata o 31 de outubro do 2025.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17735195159912