A creatividade infantil protagoniza os premios das Letras Galegas 2026 en Burela

AMariñaXa
O Certame de Narración e Debuxo Infantil reuniu a alumnado do municipio nunha iniciativa que fomenta a lectura, a lingua galega e a expresión artística
ENTREGA-PREMIOS-MEDRAR-LENDO-EN-BURELA-2026
12 Jun 2026

A Biblioteca Pública Municipal de Burela acolleu a entrega dos premios do Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2026, unha actividade integrada na programación cultural dedicada á celebración das Letras Galegas e que este ano se desenvolveu baixo o lema “Medrar lendo”.

No acto participaron a concelleira de Cultura, Lina Gómez, e o tenente de alcaldesa, Mario Pillado, encargados de facer entrega dos recoñecementos aos rapaces e rapazas distinguidos nesta edición. O certame contou coa participación de alumnado de diferentes centros educativos do municipio, que presentou os seus traballos nas modalidades de narración e debuxo.

A iniciativa volveu converterse nun espazo para estimular a imaxinación e a capacidade creativa da infancia, ao tempo que promove o uso da lingua galega e o achegamento á lectura desde as primeiras idades. Os traballos presentados amosaron a implicación dos participantes nunha proposta que cada ano busca incentivar a creación artística e literaria entre os máis novos.

As persoas gañadoras desta fase local serán agora as encargadas de representar ao Concello de Burela na fase provincial do certame, convocada pola Biblioteca Nodal de Lugo, onde compartirán protagonismo con participantes doutros municipios da provincia.

Durante a entrega dos premios, Lina Gómez puxo en valor o esforzo realizado polos nenos e nenas que tomaron parte na convocatoria e destacou a importancia de manter iniciativas que favorezan o desenvolvemento da creatividade. A responsable municipal subliñou tamén a boa resposta da mocidade burelá nun certame que combina lectura, cultura e expresión artística.

Con actividades deste tipo, a Biblioteca Pública Municipal continúa reforzando o seu papel como espazo de promoción cultural e educativa, impulsando proxectos que achegan a literatura e a creación aos máis pequenos e fomentan o interese pola lingua e o patrimonio cultural galego.

0.11763691902161