A creatividade dos participantes nos obradoiros de Arruguiñas protagoniza unha nova exposición en Cervo

A Sala de Exposicións da Casa da Cultura de Cervo acolle xa unha nova mostra de artesanía protagonizada polos traballos realizados nas actividades de Arruguiñas, un programa municipal de envellecemento activo que ao longo deste curso reuniu a máis de cen participantes en diferentes obradoiros.
A exposición recolle unha selección das pezas elaboradas polo alumnado durante as sesións desenvolvidas nos últimos meses, mostrando o talento, a dedicación e a creatividade das persoas que formaron parte desta iniciativa. O resultado é unha colección de traballos artesanais que pon en valor a importancia destes espazos como lugares de aprendizaxe, relación social e participación.
O acto de inauguración contou coa presenza da alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés; da concelleira Pilar Armada; da directora técnico-xeral de Saúde Mental A Mariña, María José Novoa; e do presidente da entidade, Jorge Manchado. Tamén participaron integrantes da asociación, familiares, monitores e persoas asistentes aos talleres, que quixeron acompañar a presentación dunha mostra especialmente significativa para todos eles.
Durante a apertura, a rexedora destacou o papel de Arruguiñas como unha ferramenta para favorecer o benestar das persoas participantes e impulsar actividades que combinan formación, entretemento e convivencia. García Caramés puxo en valor o esforzo realizado por cada unha das persoas que participaron nos obradoiros e salientou que iniciativas deste tipo contribúen a fomentar a inclusión social e a manter activa a veciñanza.
A mostra permanecerá aberta ao público ata finais de agosto na Casa da Cultura, ofrecendo a veciñanza e visitantes a oportunidade de coñecer de preto unhas creacións nas que quedan reflectidas a ilusión, a paciencia e o traballo desenvolvido durante todo o curso.
Desde o Concello de Cervo animan a achegarse a esta exposición e a apoiar unha proposta que amplía a programación cultural do municipio e dá visibilidade ao resultado dun proxecto baseado na participación cidadá.
O goberno local quixo tamén agradecer a colaboración e implicación da Asociación Saúde Mental A Mariña, cuxo apoio foi fundamental para facer posible esta iniciativa e continuar desenvolvendo actividades destinadas ao envellecemento activo e á creación de espazos de encontro.