A Cova do Rei Cintolo, Xove e A Frouxeira: seguintes paradas das actividades da Mancomunidade da Mariña
Os días 27 e 28 de abril e o 4 de maio continúa o programa de Xeoturismo da Mancomunidade de Concellos da Mariña ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística. A Cova do Rei Cintolo, Xove e A Frouxeira serán as localizacións das vindeiras actividades xeoturísticas. O 27 de abril ás catro da tarde dará comezo a visita á Cova do Rei Cintolo, en Mondoñedo.
Trátase da cova máis grande de Galicia e unha marabilla natural, que foi obxecto de numerosos estudos arqueolóxicos. Son 7.000 metros de galerías dunha cova que acada un desnivel máximo duns 75 metros, con lagoas interiores e un río soterrado, o Celtas. As persoas que participen nesta xeovisita poderán ver diversas especies de morcegos e invertebrados acuáticos así coma o diminuto Iberobathynella ortizi.
A Cova do Rei Cintolo tamén está envolta en lendas, que sorprenderán ao viaxeiro. Xove, unha mirada baixo a alfombra é o título da xeoruta que se desenvolverá o 28 de abril a partires das 11 da mañá. Os asistentes terán a oportunidade de observar o aspecto das rochas nas profundidades da codia terrestre e gozar de praias rochosas e campos de dunas de grande beleza.
E para o 4 de maio está programada unha xeovisita á Frouxeira, en Fo, que dará comezo ás 10.30 horas. Trátase dun lugar singular con connotacións históricas debido á existencia en tempos dunha fortaleza, obxecto de asedio e destrución tras a derrota do Mariscal Pardo de Cela. Os participantes terán a oportunidade de coñecer os minerais formadores do granito e das súas propiedades e aprenderán a interpretar as pedras, ademais de gozar desde o miradoiro dunha das vistas máis espectaculares da comarca da Mariña. As persoas interesadas en obter máis información ou para inscribirse nestas actividades poden facelo a través de https://amarinalucense.gal/es/geoturismo