A Copa Deputación de Piraguismo continúa este luns en Viveiro

AMariñaXa
A Copa Deputación de Piraguismo, patrocinada pola Vicepresidencia, continúa este luns en Viveiro, coa disputa da cuarta regata
piraguismo
14 Ago 2022

A Ría de Viveiro acollerá o vindeiro luns 15 de agosto unha nova regata da Copa Deputación de Piragüismo, impulsada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo coa participación dos clubs e da Federación Galega de Piragüismo.

O CP Viveiro Urban Hotel é o organizador desta terceira proba na que se prevé a participación de 214  palistas de diferentes categorías desde prebenxamín ata xuvenil dos seis clubs de augas tranquilas da provincia -CD San Ciprián, CP Altruán de Ribadeo, Club Kayak Foz, CP Viveiro Urban Hotel, Cidade de Lugo e Club Fluvial de Lugo-. As saídas comezarán ás 17.00 horas e faranse de forma escalonada, por categorías.

A competición organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.  

O deputado de Deportes Efrén Castro convidou aos afeccionados e afeccionadas a seguir a regata e animar ás novas promesas do piraguismo na comarca a través destas probas que contribúen tamén ao impulso e á proxección dos propios clubs”.  

Tras as tres primeiras regatas, disputadas en Portomorín, Ribadeo e Cervo, a clasificación por clubs encabézaa o Club Fluvial de Lugo, seguido por Cidade de Lugo e CP Altruán de Ribadeo.

Calendario de regatas

  • 22 de maio. Portomarín – Organiza Club Fluvial de Lugo
  • 5 de xuño. Ribadeo  Organiza Club Altruán
  • 23 de xullo. San Cibrao (Cervo) – Organiza Club de Piraguismo de San Ciprián
  • 15 de agosto. Viveiro – Organiza Club de Piraguismo de Viveiro
  • 17 de setembro. As Saamasas (Lugo) – Organiza Cidade de Lugo
  • 25 de setembro. Foz – Organiza Club Kayak
0.23544311523438