A conselleira Lorenzana reclama un marco eléctrico competitivo para Alcoa

AMariñaXa
Cualificou de insuficientes as axudas do Goberno para compensar á industria electrointensiva
2023-parlamento-Lorenzana-Altri
19 Dec 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, cualificou como “unha solución parcial” os 600 millóns de euros en axudas anunciados polo Goberno central para compensar os custos por emisións de CO₂ da industria electrointensiva. Durante unha intervención no Parlamento, insistiu na necesidade dun marco de subministración eléctrica “competitiva e estable” que permita garantir a viabilidade de Alcoa.

“Se isto fose así, se efectivamente non fose un anuncio, sería unha boa noticia”, dixo Lorenzana en resposta unha pregunta oral no Parlamento, onde puntualizou, non obstante, que “é unha solución parcial”, porque as compensacións “deben chegar a ese 25 por cento e mesmo superalo”, tal e como fan outros países da Unión Europea, apuntou.

“Non chegan eses 600 millóns de euros, é necesario articular e garantir por lei esa porcentaxe. Non pode depender do diálogo entre o Ministerio de Enerxía, de Facenda e de Industria”, aseverou a conselleira, quen tamén volveu demandar a modificación do Estatuto Electrointensivo para que recolla “axudas ad hoc” para este tipo de empresas, e a bonificación de peaxes do 80 por cento con carácter permanente.

Lorenzana criticou que, tres días despois de que se cancelase a reunión prevista para o pasado 9 de decembro, a secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró, manifestase no Congreso que hai varias solucións para Alcoa enriba da mesa sen concretar ningunha. Lamentou, así mesmo, que o anteproxecto de Lei de industria e autonomía estratéxica teña un carácter “meramente declarativo” en relación á industria electrointensiva. “A lei ten que reflectir esa vinculación entre enerxía e industria para que realmente poidamos dar unha autonomía estratéxica á industria española”, dixo, para engadir que debe prever tamén “a garantía dese 25 por cento como mínimo de compensación de CO² a favor da industria electrointensiva.

En relación aos parques eólicos destinados a subministrar enerxía á planta de San Cibrao, a conselleira destacou que a Xunta de Galicia completou a tramitación de todos os proxectos da súa competencia. Con todo, segue pendente unha solución para os cinco parques que perderon o permiso de acceso e conexión debido a unha “mala tramitación por parte do Ministerio”.

Lorenzana recordou que hai un ano o Goberno anunciou no BOE unha modificación regulatoria que permitiría autorizar e poñer en funcionamento estes parques no primeiro trimestre de 2024. Porén, esta cuestión permanece sen resolver e será unha prioridade na próxima mesa de seguimento.

0.20412993431091