A conselleira do Mar defendeu a necesidade de que Bruxelas abandone a persecución á frota

AMariñaXa
A conselleira do Mar defendeu en Burela a necesidade de que Bruxelas abandone a persecución que está a realizar desde fai meses á frota
pesca redes arrastre fondo barco mar 1
23 May 2023

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu en Burela a necesidade de que Bruxelas abandone a persecución que está a realizar desde fai meses á frota e adopte medidas coherentes e rigorosas que incentiven e fortalezan a actividade. Así o manifestou durante un encontro co sector no que estivo acompañada polo candidato do PP á alcaldía, Manuel Rouco, e o coordinador xeral do PP lucense, José Manuel Balseiro Ourol.

A responsable autonómica instou unha vez máis ao Executivo comunitario a fundamentar as súas decisións en base a estudos serios e actualizados tanto científicos como socioeconómicos e frear así a desafección europeísta que están a xerar medidas como o veto á pesca de fondo en 87 áreas. Neste sentido, Rosa Quintana puxo a Burela como exemplo de cogobernanza na defensa dos intereses do sector ao facer referencia ao recurso presentado pola Organización de Produtores Pesqueiros do Portos de Burela (OPP-7) no que a Xunta participa como coadxuvante.

A titular de Mar destacou que os plans para restrinxir a actividade de artes de pesca móbiles como o arrastre por parte da Comisión Europea xa contan co rexeitamento dos ministros de Pesca, da Eurocámara e de todo o sector e, por suposto, da Xunta e o PP de Galicia.

Rosa Quintana aproveitou a ocasión para invitar aos membros da Comisión Europea e ao resto de estados membro da UE a que visiten algúns dos portos e lonxas afectadas polas súas restricións, como as situadas neste concello lucense, para comprobar os golpes que representan estas decisións nun sector que xera industria, riqueza, emprego e cohesión territorial. Un convite que a responsable autonómica espera que se materialice o vindeiro mes de xullo coincidindo coa reunión prevista dos ministros de pesca da UE a Vigo, a cal deberían aproveitar para coñecer a realidade pesqueira de Galicia.

“Galicia está a liderar un ditame no seo do Comité Europeo das Rexións que dea resposta contundente aos últimos anuncios da Comisión Europea”, indicou, ao mesmo tempo que asegurou que a Xunta seguirá reforzando o traballo na vía diplomática e na xudicial para defender os intereses da frota e apoiando ao Goberno central co obxectivo de evitar a ruína do sector.

COMPETENCIAS COSTEIRAS

Durante o encontro sectorial desta mañá, Rosa Quintana tamén puxo a Burela como exemplo da necesidade da Lei do litoral de Galicia, dado que Costas puxo numerosos atrancos a importantes actuacións como a nova depuradora e a rede de saneamento e tamén a distintas empresas. “Coas competencias lexítimas sobre o noso territorio á beira do mar non haberá estes problemas”, manifestou.

Unha norma que, tal e como indicou a titular de Mar, compatibilizará a protección do medio ambiente e da vida social e económica da costa, aspectos que tamén debería contemplar Bruxelas para levar a cabo unhas políticas responsables e en favor dos nosos mares.

MANUEL ROUCO

O candidato do PP á alcaldía, Manuel Rouco, destacou que “Burela non se entende sen o sector pesqueiro” e reiterou “o compromiso e a vontade de colaboración dos gobernos populares para defender os seus intereses, como está a demostrar o departamento de Mar do Goberno galego”. Nese sentido, asegurou que “é unha honra recibir en Burela á conselleira acompañada do seu equipo” nun acto con moi boa acollida por parte de membros do sector pesqueiro.

Rouco afondou en que “o PP de Burela ten moi en conta ao principal sector económico do municipio e, para coñecer de primeira man as súas necesidades, inclúe na súa candidatura a unha persoa directamente vinculada co ámbito pesqueiro como é o armador Maximino Otero”.

0.17234706878662