A Confraría de Pescadores de Burela pon en marcha o Proxecto PESCARTE para promover a pesca artesanal

AMariñaXa
A iniciativa, apoiada pola Consellería do Mar e fondos europeos, busca revalorizar os oficios mariñeiros e impulsar a sostibilidade do sector
confraria-pescadores-burela-2023
3 Sep 2025

A Confraría de Pescadores de Burela vén de iniciar o Proxecto “PESCARTE: a prol da PESca Costeira ARTEsanal”, unha proposta que conta coa resolución favorable da Consellería do Mar e coa concesión dunha axuda no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027. O financiamento total ascende a 115.328,45 euros, dos cales o 70 % procede da Unión Europea a través dos fondos FEMPA e o 30 % da Comunidade Autónoma de Galicia.

O obxectivo principal de PESCARTE é divulgar e sensibilizar á sociedade sobre a relevancia da pesca costeira artesanal, revalorizando tanto as técnicas e os oficios tradicionais como as especies capturadas de maneira sostible na costa local. A proposta tamén pretende incentivar o relevo xeracional e poñer en valor os produtos pescados pola frota burelense e comercializados na lonxa da vila.

Segundo a confraría, o proxecto tamén busca contribuír a unha economía azul sostible, fomentando o desenvolvemento das comunidades pesqueiras e acuícolas.

Entre os resultados esperados atópanse o reforzo do relevo xeracional no sector, o incremento da práctica da pesca sostible, o aumento do consumo de produtos locais menos coñecidos e o impulso á participación da mocidade e das mulleres nas actividades mariñeiras. Tamén se aposta por unha maior visibilidade e empoderamento das traballadoras do mar, a recuperación do patrimonio cultural pesqueiro, a integración social e o uso de sistemas enerxéticos máis respectuosos co medio.

O proxecto, de carácter bianual, desenvolverase ao longo de 2025 e 2026 cun total de dez actividades, que se irán dando a coñecer progresivamente. Toda a información pode consultarse na páxina web da Confraría de Pescadores de Burela, onde tamén se publica a resolución oficial da axuda concedida pola Consellería do Mar.

⚙ Configurar cookies
0.16356492042542