A Comunidade de Montes de Burela denuncia un novo vertedoiro ilegal no Monte Vilar

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Burela manifestou o seu profundo malestar tras detectar a aparición dun novo vertedoiro incontrolado nas inmediacións da caseta que emprega Retegal como centro de radiodifusión no Monte Vilar. O colectivo cualifica os feitos como un atentado ambiental e expresa a súa sorpresa pola repetición deste tipo de condutas nun espazo natural de uso compartido.
Segundo lembran dende a entidade, non se trata dun episodio illado. Xa no ano 2023 foi necesario retirar un vertedoiro similar coa colaboración do Servizo de Recollida de Lixo do Concello de Burela, e durante o pasado 2025 a propia Comunidade de Montes tivo que asumir unha nova limpeza de residuos abandonados na zona.
A asociación recoñece que a parcela afectada pertence aos montes veciñais, mais subliña que se trata dun espazo aberto e de acceso habitual, tanto en vehículo como a pé, utilizado con frecuencia por sendeiristas, ciclistas de montaña ou afeccionados á micoloxía. Neste sentido, reiteran que nunca se opuxeron ao uso social do monte, sempre que este se realice de maneira responsable e respectuosa co medio.
Porén, a reiteración destes vertidos está a levar ao colectivo a valorar medidas máis restritivas, como o peche de pistas e accesos, unha decisión que, segundo advirten, prexudicaría á maioría da veciñanza que fai un uso correcto do monte comunal.
Dende a Comunidade de Montes lembran que veñen investindo de forma constante na mellora, conservación e protección destes espazos naturais, ao tempo que traballan para erradicar as prácticas incívicas dunha minoría. Por este motivo, anunciaron que poñerán os feitos en coñecemento do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) co obxectivo de identificar ás persoas responsables deste novo episodio de deterioro ambiental.