A comisión Viveiro en Festas elabora un calendario con fotos antigas da vila

AMariñaXa
As instantáneas cedidas van desde principios do século XX ata a década de 1970
Cristina-Parapar-y-Raquel-Trasancos---Viveiro-en-Festas
29 Nov 2024

A Comisión das festas patronais de San Roque, Viveiro en Festas, pon á venda un calendario con fotos antigas da vila e dos seus veciños para recadar fondos.

As instantáneas, que están cedidas por fotógrafos e veciños da localidade, plasman distintas épocas da vila, que van desde principios do século XX ata a década de 1970. Nelas pódese contemplar o cambio que sufriu Viveiro durante todos estes anos e recoñecer a persoas que participaban na vida social e comunitaria local ao redor das festas.

Desde a comisión queren darlle as grazas a “África Jiménez, Saúl Jiménez, Pepe Veiga, Perfecto Parapar, o blog ‘O desexado e Viveiro’, Consolo Novoa e á páxina de Facebook ‘Viveiro Dixital’, por facilitarnos as fotos para poder completar este calendario”.

“A través deste almanaque pretendemos amosarlle á veciñanza vos cambios que se viron reflictidos nas nosas tradicións e nas festas durante todos lestes anos, e ese sentimento de pertenza que había á hora de celebrar xuntazas e colaborar nas celebracións, que nós, como Comisión, pretendemos recuperar” engaden.

Por último, queren “agradecerlle a súa colaboración a todas as outras persoas que fixeron posible que este proxecto se fixera realidade a tavés de chamadas, consultas e consellos, así como tamén a Gráficas LAREIRA, que é a empresa encargada de materializalo”.

Os calendarios xa poden encargarse en preventa ata o mércores 4 de decembro ás 23.59 horas, a través do correo electrónico, a un prezo de 6 euros. No corpo da mensaxe debe indicarse o nome da persoa que encarga, o número de calendarios e un número de teléfono.
A partir do día 5 de decembro, os calendarios poderán adquirirse fisicamente en distintos comercios do Centro Comercial Centro histórico de Viveiro, a un prezo de 8 euros.

0.10973691940308