A cociñeira Lucía Freitas recibe o Premio Merlín por 'Amas da Terra'
A cociñeira Lucía Freitas é a gañadora da primeira edición do Premio Merlín polo seu proxecto social e gastronómico 'Amas da Terra'. Este galardón busca recoñecer a proxectos actuais que son un exemplo, caso de análise e inspiración para os actores do sector gastronómico e agroalimentario da Mariña.
O premio, unha peza de Sargadelos, foi entregado por Rocío López, presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña, e Tita Iglesias, presidenta do Colectivo de Gastronomía da Mariña. O acto tivo lugar na Casa Museo de Álvaro Cunqueiro en Mondoñedo, dentro das xornadas gastronómicas de 'AMODO. Conversas Arredor da Gastronomía na Mariña'.
AMAS DA TERRA
O proxecto 'Amas da Terra', creado e coordinado pola cociñeira do restaurante A Tafona, que conta cunha Estrela Michelin e dous Soles Repsol, consiste nunha rede de apoio de mulleres galegas produtoras, artesás, mariscadoras, agricultoras e cociñeiras que busca reivindicar o seu traballo e achegarlle valor engadido.
A Mancomunidade de Concellos da Mariña e o Colectivo Gastronómico da Mariña seleccionaron nesta primeira edición a este proxecto por promover a gastronomía como unha ferramenta de acción social e cultural, baseándose en valores como a sostibilidade, identidade, creatividade...así como polo seu recoñecemento do papel gastronómico fundamental da muller, moitas veces invisibilizado.