A CIG-Saúde da Mariña denuncia temperaturas extremas na unidade de Medicina Interna do Hospital da Mariña

A CIG-Saúde da Mariña vén de denunciar a situación que se está a vivir na unidade de hospitalización de Medicina Interna do Hospital da Mariña, onde, segundo aseguran, se están a rexistrar temperaturas que oscilan entre os 29 e os 31 graos centígrados durante estes días.
O sindicato considera que estes valores superan amplamente os límites establecidos pola normativa vixente en materia de seguridade laboral, tanto para centros sanitarios como para calquera outro lugar de traballo. Segundo lembran, o risco de tensión térmica increméntase a partir dos 27 graos, polo que esta situación supón un perigo para profesionais, pacientes e usuarios.
A organización sindical sinala ademais que a lexislación fixa temperaturas de entre 17 e 27 graos para traballos sedentarios e entre 14 e 25 graos para tarefas lixeiras ou máis intensas, polo que consideran que as condicións actuais están claramente fóra de norma.
Desde a CIG afirman que o persoal leva anos advertindo desta problemática, que se repite cada verán sen que se adopten solucións definitivas. Engaden que a Xerencia de Lugo-Cervo-Monforte xa ten coñecemento da situación a través de canles oficiais, incluíndo unha reunión recente coa dirección e un escrito rexistrado.
O sindicato tamén cita informes do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo, que alertan de que temperaturas superiores aos 27 graos poden provocar malestar, diminución do rendemento e mesmo riscos para a saúde como mareos ou desmaios.
Ante esta situación, a CIG-Saúde esixe á xerencia que adopte medidas inmediatas para corrixir as deficiencias e garantir condicións axeitadas no centro sanitario. De non facelo, advirten de que levarán o caso á Inspección de Traballo.