A CIG denuncia temperaturas superiores ás permitidas no centro de saúde de Alfoz e reclama medidas urxentes

A CIG Saúde A Mariña denunciou as condicións térmicas rexistradas no centro de saúde de Alfoz durante a recente vaga de calor e reclamou á Xerencia da Área Sanitaria a adopción de medidas que garantan unhas condicións adecuadas tanto para o persoal como para pacientes e persoas usuarias.
Segundo expón o sindicato, ao longo da pasada semana detectáronse temperaturas superiores aos 27 graos, acompañadas dun elevado índice de humidade, unha situación que, ao seu xuízo, incumpre a normativa vixente sobre prevención de riscos laborais nos centros de traballo.
A organización sindical advirte de que estes valores superan o límite establecido para evitar situacións de tensión térmica, o que podería provocar problemas de saúde como mareos ou mesmo desmaios, afectando tanto aos profesionais que desenvolven a súa actividade nas instalacións como ás persoas que acoden ao centro sanitario.
Ante esta situación, o delegado de Prevención de Riscos Laborais da CIG Saúde A Mariña, Juan Carlos Bouza Casanova, rexistrou un escrito dirixido á Xerencia da Área Sanitaria no que solicita información sobre esta problemática. Entre outras cuestións, pregunta se o organismo é coñecedor das altas temperaturas que, segundo indica, se repiten cada verán, se se realizaron medicións oficiais no centro e cales foron os rexistros obtidos.
Ademais, o sindicato interesa coñecer que medidas preventivas, paliativas ou definitivas foron adoptadas para eliminar o risco derivado da tensión térmica.
A CIG Saúde A Mariña advirte de que, se non se adoptan as actuacións oportunas para corrixir esta situación, presentará unha denuncia ante a Inspección de Traballo por unha posible vulneración da Lei de Prevención de Riscos Laborais.