A CIG denuncia que o Hospital da Mariña segue cun só cun cardiólogo

AMariñaXa
Sinala que a ambulancia medicalizada que hai na comarca está asumindo os traslados de Cardioloxía ao HULA
hospital-marina-burela-costa
30 Out 2024

A CIG-Saúde da Mariña denunciaba o 16 de febreiro de 2024 que o hospital quedaba cun só especialista en cardioloxía. Un centro hospitalario dotado con so tres prazas para atender a mais de 72.000 pacientes "entraba en coma ao quedar un so especialista ao fronte do servizo".

A pasividade do Xerente da Área, segundo afirma, sumado a pésima xestión da dirección do centro fan que, oito meses despois, a situación non so non mudou, se non que camiña cara a morte do servizo. A semana pasada, a comarca da Mariña quedaba tres días sen cardiólogo (23, 24 e 25) e foron coñecedores de que está anunciado o peche do servizo a partir do 28 de novembro e ata cando menos o 13 de xaneiro por ausencia do único especialista que soporta a demanda cardiolóxica na Mariña.

A causa desta situación, tal e como sostén, é o abandono absoluto no que se atopa o Centro Hospitalario e a veciñanza da Mariña por parte da Consellería do SERGAS coa complicidade do Xerente da Área Sanitaria de Lugo e da Dirección do Hospital da Mariña, provocando ingresos de pacientes da Mariña en Lugo, a mais de 100Km e arrastrando con eles as súas familias.

CONSECUENCIAS DE TER UN SO CARDIÓLOGO

Dende CIG Saúde A Mariña explican novamente que "cun só un cardiólogo é imposible atender a consulta diaria, os ingresos na planta, facer as probas cardiolóxicas e atender urxencias", polo que, enumera: "O Hospital da Mariña non asume ingresos de pacientes de cardioloxía; os pacientes de cardioloxía que precisan de ingreso son trasladados ao HULA onde chegan sen cama asignada, tendo que acudir por Urxencias; os pacientes cun episodio cardiovascular agudo que acoden a Hemodinámica do HULA por precisar dun cateterismo, non volven para o Hospital da Mariña quedando ingresados en Lugo por falta de especialistas na Mariña; Cardioloxía da Mariña queda limitada a atender a consulta e facer probas cardiolóxicas".

DANOS COLATERAIS DO DESMANTELAMENTO DE CARDIOLOXÍA

Sinalan desde o sindicato que a ambulancia medicalizada que hai na comarca (con base en Foz) está asumindo os traslados dos pacientes de cardioloxía ao HULA, deixando á Comarca sen a única ambulancia que permite prestar asistencia sanitaria in situ a pacientes críticos, no menor tempo posible, con persoal especializado e cos elementos necesarios para a realización de manobras de soporte vital avanzado.

0.27928304672241