A cidadanía de Ribadeo degusta receitas da foodtruck de Galicia Sabe A Mar
Unha das foodtrucks de Galicia Sabe A Mar fixo parada en Ribadeo para ofrecer de maneira gratuíta o sabor auténtico e a alta calidade dos produtos marítimo-pesqueiros galegos. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, achegouse ata a localidade mariñá, onde tivo ocasión de degustar os produtos e intercambiar impresións cos asistentes sobre a relevancia de consumir peixe e marisco, tanto para impulsar a cadea mar-industria como polos beneficios nutricionais que achegan á saúde da cidadanía.
Ribadeo súmase así aos concellos galegos que están a recibir unha das catro furgonetas que percorren Galicia para promocionar a dieta atlántica. No marco desta iniciativa, preséntanse 13 receitas nas que os ingredientes protagonistas son os produtos locais, como o bonito do norte, o mexillón de Galicia ou o berberecho de Noia, todos eles baixo o selo de calidade pescadeRías.
Esta acción, que arrancou na súa primeira edición en 2021, visita localidades con máis de 1.000 habitantes e participa en eventos deportivos, culturais, festas gastronómicas ou centros de ensino ata outubro de 2025, cunha previsión de realizar 1.400 degustacións. O obxectivo principal é achegarse tanto á poboación adulta como á mocidade, futuros consumidores, promovendo as propiedades culinarias dos produtos mariños e fomentando hábitos de alimentación saudable.
Deste xeito, a iniciativa segue a consolidarse co obxectivo de destacar a importancia socioeconómica do sector, apostando pola xestión sostible dos recursos, a trazabilidade e a seguridade alimentaria. Na última edición, esta campaña percorreu 762 concellos de España, nos que se repartiron 792.000 degustacións elaboradas con máis de 22.700 quilos de produtos do mar.