A CEL organiza un foro de traballo en Ribadeo
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) organiza, co apoio da Xunta de Galicia a tavés da iniciativa Conecta Lugo, un foro de traballo en Ribadeo dirixido a fomentar a internacionalización das empresas da provincia de Lugo, especialmente as da zona norte.
O encontro empresarial, que se desenvolverá ao longo da mañá do venres 15 de novembro no Real Club Náutico de Ribadeo, contará con mesas redondas e exposición de casos de éxito, así como representantes de entidades públicas e financieiras para informar sobre axudas e vías de financiamento de accións en mercados exteriores.
De 9.30 horas a 10.00 horas terá lugar a recepción; ás 10.00 horas comezará a benvida e apertura do evento con Jaime López, secretario xeral Confederación Empresarios Lugo (CEL) e Daniel Vega, alcalde do Concello de Ribadeo; ás 10.15 horas haberá a mesa redonda 'Como iniciar ou relanzar o teu proceso de internacionalización?'; ás 11.30 horas haberá unha pausa para o café; ás 12.00 horas terá lugar a mesa redonda “O financiamento do proceso de internacionalización”; ás 13.15 horas haberá peche de evento e ás 13.30 horas un networking.
Participarán representantes de empresas como DEXtools, Grupo Forma-T, Grupo Villapol, Industrial Recense, AMSLab, Pescados Orol ou Medrar Innovation Office, así como de entidades como ABANCA ou o Igape. A asistencia é gratuíta pero as prazas limitadas, polo que será necesaria reserva a través da web ou do teléfono 982 231 150.
O alcalde, Dani Vega, explicou: “Ribadeo avanza e por iso presentamos Conecta Ribadeo, unha xornada onde se vai falar da internacionalización sobre o futuro de moitas empresas do noso concello, da provincia ou de Galicia. Unha xornada que organizan o Concello de Ribadeo, a Xunta de Galicia e a CEL. Polo tanto, dentro desa colaboración que estamos tendo para tamén falar da internacionalización, de casos de éxito, de empresas que están medrando moitísimo e Ribadeo ten que estar tamén nese espazo”.
O rexedor engade: “Unha xornada que quere dar unha resposta a moitas preguntas, a moitas dúbidas de moitos empresarios, de moitos autónomos, en definitiva, de moitos emprendedores que están explorando esa vía da internacionalización, dun crecemento importante e polo tanto hai que formarse, hai que informarse e por iso tamén o IGAPE vai falar non sómente de axudas, que tamén, senón de casos de éxito que a través do asesoramento técnico por parte da Xunta de Galicia e nosoutros como Concello tamén nos temos que poñer a disposición para que as empresas se asenten en Ribadeo”.