A Catedral de Mondoñedo estrea unha audioguía infantil para achegar o templo ás novas xeracións

AMariñaXa
O proxecto, impulsado polo cabido en colaboración con Óptima Cultura, ofrece un percorrido didáctico en tres idiomas adaptado ao público familiar
Mondonedo-iluminacion-nova-catedral-2025
28 Feb 2026

A Catedral de Mondoñedo presentou oficialmente unha nova audioguía pensada especificamente para o público infantil, unha ferramenta que permitirá ás crianzas descubrir o templo dunha maneira amena, participativa e adaptada á súa idade. A iniciativa parte do cabido catedralicio, que continúa así a súa aposta por modernizar e enriquecer a oferta cultural e educativa do monumento.

O proxecto desenvolveuse en colaboración con Óptima Cultura, empresa encargada das visitas turísticas, e está dispoñible en galego, castelán e inglés, co obxectivo de facilitar o acceso aos contidos aos distintos perfís de visitantes. A proposta está deseñada tanto para familias como para centros escolares e colectivos infantís que queiran coñecer o conxunto histórico dunha forma máis próxima.

O itinerario inclúe dezasete paradas que coinciden co percorrido habitual das persoas adultas, aínda que cun relato máis sinxelo e didáctico. A elaboración dos contidos contou coa participación de especialistas en arte, historia e pedagoxía, baixo a supervisión do cabido, combinando explicacións sobre o patrimonio artístico coa dimensión relixiosa e litúrxica do templo.

A narración está guiada por dous personaxes: Paula, unha nena inspirada na emblemática campá mindoniense, e Rosendo, un sacerdote que evoca ao patrón da diocese. A través do diálogo entre ambos, as crianzas descobren curiosidades, espazos singulares e elementos destacados da catedral.

Un grupo de escolares asistiu ao acto de presentación e foi o primeiro en probar esta experiencia sonora, que nace coa intención de converterse nun referente do turismo cultural infantil en Galicia, ofrecendo unha alternativa innovadora para achegar o patrimonio ás novas xeracións.

0.1299250125885