A Casa da Xuventude de Burela estreita lazos con Cabo Verde cun obradoiro dedicado ao Ouril

A Casa da Xuventude de Burela acolleu onte un obradoiro dedicado ao Ouril, un xogo tradicional africano con forte arraigamento en Cabo Verde, incluído na programación das actividades de verán.
A actividade foi impartida por Denise Coelho, da asociación Djunta Mo, quen explicou aos participantes a orixe do xogo e o funcionamento das distintas modalidades, entre elas A Seca e A Pilha.
Para desenvolver o obradoiro, o artista local Martín Lestao elaborou dous bancos de Ouril que foron utilizados durante a actividade e que permanecerán na Casa da Xuventude para que poidan ser utilizados pola veciñanza.
O tenente de alcaldesa, Mario Pillado, destacou o carácter lúdico e educativo da proposta e sinalou que os participantes “desfrutan aprendendo o xogo e mesmo desenvolven o pensamento lóxico, o cálculo mental e a toma de decisión mediante a práctica”.
Pillado puxo tamén en valor a acollida que está a ter esta actividade dentro da programación de verán e agradeceu a colaboración de Denise Coelho e Martín Lestao para “facer posible a introdución do Ouril na programación de verán da Casa da Xuventude”.