A Carreira Nocturna Rinlo-Ribadeo consolídase como unha cita clave do verán deportivo

AMariñaXa
A sétima edición celebrarase o 23 de agosto con 14 categorías e un percorrido absoluto de 9 quilómetros desde a vila mariñeira ata o centro de Ribadeo
Ribadeo-presentacion-carreira-nocturna-Rinlo-Ribadeo-2025
22 Jul 2025

A VII Carreira Nocturna Rinlo-Ribadeo xa quenta motores. A nova edición deste evento deportivo, xa consolidado como unha das propostas imprescindibles do verán na Mariña Lucense, foi presentada no Pazo de Ibáñez coa presenza de representantes do Concello de Ribadeo, da Xunta de Galicia, da Deputación de Lugo, de Acisa, patrocinadores e membros do Club Atletismo Ribadeo, entidade organizadora da proba.

O evento celebrarase o vindeiro 23 de agosto e contará cunha ampla variedade de categorías: desde pitufo ata alevín, con circuítos ao redor do parque de San Francisco; as categorías infantil e cadete partirán desde o Faro da Illa Pancha; mentres que a proba absoluta cubrirá un percorrido de 9 quilómetros, cunha saída simbólica desde Rinlo e chegada diante da Casa do Concello de Ribadeo.

A día de hoxe, xa hai 252 persoas inscritas, segundo datos achegados polo club organizador. O prazo para anotarse permanecerá aberto ata o 20 de agosto ás 23:59 horas, e todas as persoas participantes recibirán unha bolsa do corredor con diversos agasallos.

No caso da carreira absoluta, as persoas que formalicen a súa inscrición antes do 31 de xullo recibirán como agasallo unha camiseta sublimada e poderán elixir entre un frontal de luz ou uns calcetíns personalizados co nome da carreira. Dende a organización lembran que é obrigatorio levar frontal e recomendable o uso de reflectores por tratarse dunha proba nocturna.

Os dorsais poderán recollerse o mesmo día do evento en Deportes Docobo, entre as 10:00 e as 13:00 horas e de novo de 16:00 a 19:00 horas. Haberá tamén servizo de transporte entre Ribadeo e Rinlo, así como duchas para os participantes. Toda a información detallada, incluídos os horarios do autobús, publicarase a través das redes sociais do Club Atletismo Ribadeo.

O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, animou á cidadanía a inscribirse e participar: “Aínda queda tempo para apuntarse a esta carreira que todos temos xa marcada como unha cita imprescindible do verán. Agardamos que a disfruten e que o pasen moi ben en Ribadeo, porque aquí a actividade deportiva non se detén”.

⚙ Configurar cookies
0.18870997428894