A capela do Bispo Santo de Foz afrontará unha rehabilitación integral

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude deu un novo paso para a conservación da capela do Bispo Santo de Foz coa licitación das obras de rehabilitación deste edificio histórico. A intervención conta cun orzamento de 92.792 euros, ao que se engaden os 8.500 euros destinados previamente á redacción do proxecto, superando así os 100.000 euros de investimento.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou o templo para presentar unha actuación que ten como principal finalidade garantir a conservación do inmoble e corrixir os problemas estruturais derivados das filtracións de auga. As empresas interesadas en executar os traballos poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 13 de agosto.
A intervención centrarase especialmente na renovación integral da cuberta. O proxecto contempla a instalación dun novo entaboado de madeira de castiñeiro con illamento térmico e unha cobertura de lousa, co obxectivo de eliminar as humidades que afectan ao edificio e evitar os danos ocasionados pola presenza de organismos xilófagos na estrutura de madeira.
As obras incluirán tamén a restauración da espadana e da campá, así como das portas, dos marcos e das contras das ventás. Ademais, abrirase o oco existente no almacén situado na parte posterior da capela e renovarase completamente a instalación eléctrica, incorporando un novo sistema de iluminación con tecnoloxía LED.
Villares lembrou que a capela do Bispo Santo, situada no alto da Grela, figura no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia pola súa relevancia histórica e arquitectónica. Neste sentido, destacou que se trata dun dos lugares máis simbólicos de Foz, tanto polo seu valor patrimonial como pola fonda vinculación coa romaría dedicada a San Gonzalo, unha celebración con máis de trescentos anos de historia que cada primavera reúne a centos de persoas.
As referencias documentais máis antigas sobre este templo remóntanse ao ano 1611, cando o bispo de Mondoñedo informou da súa existencia ao rei Felipe III, aínda que a data exacta da súa construción segue sendo descoñecida. O edificio presenta unha planta rectangular, acceso principal mediante un arco de medio punto e unha espadana dun só van. Un dos seus elementos máis singulares é que a cabeceira queda integrada na cuberta, unha característica que o diferencia doutros templos medievais.
No seu interior conserva un retablo barroco popular con diferentes tallas relixiosas, entre as que destaca a imaxe de San Gonzalo, coñecido como o Bispo Santo, representado cos seus atributos episcopais, o báculo e a mitra.