A campaña de Acisa polo XI Ribadeo Indiano culmina coa entrega da viaxe a México

Antía Gayoso Gayol foi a gañadora da viaxe a México sorteada pola Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo (Acisa) no marco da programación do XI Ribadeo Indiano. A ribadense desfrutará do premio o vindeiro mes de setembro.
O sorteo, realizado ante notario, celebrouse ao remate do concerto ofrecido por Estrellas de Buena Vista y Más no escenario instalado na rúa San Roque.
No acto participaron o director xeral de Comercio da Xunta, Gabriel Alén, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Montse Seijo e Elena Sierra, o concelleiro Diego Dos Santos, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, os directivos da asociación Manoli Torviso, Trinidad Otero e José Ramón Leal, e o técnico da entidade, Jorge Fernández.
Desde Acisa agradeceron a colaboración das administracións públicas, destacando o apoio da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello de Ribadeo, ao considerar que a súa colaboración foi fundamental para facer posible esta iniciativa.
A asociación tamén recoñeceu a implicación dos patrocinadores privados —Alhambra, Banco Sabadell, Caixa Rural, Vitaldent, Gestión Gratelu e Discosta Norte— polo respaldo prestado á campaña, así como o traballo desenvolvido por Protección Civil e polo persoal municipal durante a celebración do evento.
A pesar das treboadas e da chuvia rexistradas na tarde e noite do domingo en Ribadeo, o sorteo desenvolveuse con normalidade e centos de persoas depositaron as súas papeletas na urna instalada diante das oficinas de Acisa.
A campaña promocional permaneceu activa entre o 19 de xuño e o 12 de xullo, período durante o que a clientela puido participar no sorteo realizando compras nos establecementos asociados. Desde a entidade empresarial agradeceron a confianza depositada polos consumidores nos negocios adheridos á iniciativa.