A campaña “A Mariña, unha viaxe á identidade” reivindica a esencia turística da comarca desde Foz

O Salón de Actos do IES de Foz acolleu a presentación da campaña turística A Mariña, unha viaxe á identidade, unha iniciativa impulsada pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense que busca poñer en valor a singularidade do territorio a través da súa historia, a súa cultura e a súa maneira de vivir. No acto participou a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, que felicitou á Mancomunidade polo desenvolvemento dunha proposta que “constrúe un modelo turístico fiel á identidade desta comarca”.
Durante a súa intervención, López destacou que a campaña rende homenaxe ás Carolas, mulleres pioneiras do turismo na Mariña, e definiu a iniciativa como “unha viaxe ao que somos e ao que nos fai diferentes”. A presidenta provincial subliñou que “visitar a Mariña é descubrir unha maneira de vivir, de relacionarse co tempo, coa paisaxe e coa xente”, incidindo na importancia de apostar por un turismo conectado coa esencia do territorio.
No marco do acto, procedeuse tamén á entrega de 26 diplomas do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) a empresas e servizos da comarca recoñecidos polo seu compromiso coa calidade e a atención ao visitante. Carmela López felicitou ao tecido empresarial pola súa implicación e lembrou que “cada recoñecemento representa profesionalidade, coidado e unha forma de facer que suma valor ao conxunto do destino”.
A presidenta da Deputación puxo en valor a colaboración continua entre a institución provincial e a Mancomunidade da Mariña Lucense, que conta cunha achega de 25.000 euros para o desenvolvemento de accións deste tipo. Segundo indicou, este apoio permite reforzar a promoción turística da comarca, consolidala como xeodestino de referencia e mellorar o posicionamento da marca A Mariña.
A campaña céntrase nun modelo de turismo de benestar, consciente e sostible, que destaca o poder sanador do mar e o goce pausado do tempo. As Carolas, tamén coñecidas como Canouras, convértense nas protagonistas dun relato que recupera unha tradición iniciada a finais do século XIX, cando mulleres procedentes do interior da provincia acudían á costa mariñá para tomar baños de mar por recomendación médica ou social.
Esta iniciativa enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense e ten como obxectivo afondar na identidade do territorio a través dos seus valores, das súas tradicións e das súas xentes, recuperando e poñendo en valor o patrimonio inmaterial propio da comarca. Carmela López reafirmou finalmente o compromiso da Deputación cun modelo turístico sostible, enraizado no territorio e xerador de oportunidades reais para a poboación da Mariña.