A Camovi, que xa supera os 500 inscritos, será o 23 de abril
O Concello de Viveiro acolleu a presentación da Camovi-Carreira Montes de Viveiro, que se disputará o vindeiro domingo 23 de abril.
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, xunto a Efrén Castro, deputado provincial de Deportes, Manuel Cadramón, xefe territorial de Deportes, e membros da Agrupación Deportiva San Roque, organizadores da proba, subliñaron a importancia dunha cita que alcanza a súa décimo segunda edición consolidada como un referente na península.
“A Camovi está sinalada en vermello na axenda deportiva do Concello de Viveiro e dos nosos deportistas, porque é xa unha institución para a nosa vila. Son moitos os atletas que se achegan ata Viveiro para participar nesta proba tan consolidada e xunto a eles acompañantes e familias, que axudan ao desenvolvemento económico e turístico do noso municipio”, subliña María Loureiro.
A rexedora tamén tivo palabras de agradecemento “ao club organizador polo seu esforzo e traballo dende hai tantos anos, e por axudar ao Concello no seu obxectivo de fomentar o deporte e os hábitos de vida saudables, ademais de poñer en valor a beleza da nosa natureza e dos nosos montes”.
A Camovi, que xa supera os 500 inscritos, conta con diferentes modalidades. A Camovi 42K comeza ás 8:00 horas dende a Praza Maior cun percorrido de 42.000 metros, os mesmos que a Camovi Relevos 42K Relevos, por parellas. Ás 9.00 horas será a saída da C10K, cunha distancia de 10.000, mentres que a Andaina ‘Ramón Blanco’, que cobre 11.000 metros, partira ás 9.30 horas. Xa as 10:45 será a quenda da C21K.
A Camovikids, con máis de 100 inscritos a día de hoxe, celebrarase o sábado día 22 dende as 18.00 horas.
A edición deste ano contará con importantes figuras a nivel nacional e mundial, como o murciano Manuel Merillas, campión do mundo, ou Oihana Kortazar, tamén campiona do mundo e catro veces campiona de España, entre outros logros.