A Camovi celebrarase o 5 de setembro
A Camovi volverá celebrarse en Viveiro o 5 de setembro do 2021. Así o acordaron tras a cancelación da súa décima edición pola pandemia no 2020. Considera a organización que xa se pode facer un retorno seguro para "unha das competicións máis esixentes e populares que se celebran na Mariña".
Os organizadores desta carreira de montaña, que nas súas últimas edicións contou con varias distancias ademais dos 42 quilómetros, farán un tremendo esforzo para garantir un certame sen riscos. "Celebrarase a condición de que nos autoricen desde o Concello e Xunta así como cumprindo uns novos protocolos da Federación Galega de Montaña e un rigoroso regulamento interno que creamos para a seguridade dos nosos voluntarios e todos os corredores", explicaron.
Pero, para adaptarse ás novas circunstancias, haberá unha reformulación da competición. Contará con menos corredores e con menos distancias, ademais de axustarse a outros protocolos importantes. "Será unha edición diferente, menos dorsais, menos distancias pero non por iso menos Camovi, senón todo o contrario, tivemos moito tempo para traballar nela e xa vos adiantamos que será a edición máis segura pero tamén una das máis intensas e especiais, será o retorno", engaden.
Ao redor da competición programaranse múltiples actividades, aseguran con novidades como exposicións, proxeccións para os pequenos de diferentes colexios e para os non tan pequenos e "un proxecto que levamos incubando moito tempo e que ao final sairá á luz. Por iso animámosvos a seguirnos".