A Camovi celebra a súa décimo quinta edición con máis de 900 participantes en Viveiro

AMariñaXa
A proba, que terá lugar os días 18 e 19 de abril no monte San Roque, esgota dorsais nas distancias de 21 e 10 quilómetros
Camovi-presentacion-Deputacion-2026
24 Mar 2026

O Pazo de San Marcos acolleu este mediodía a presentación da décimo quinta edición da Camovi, unha das citas deportivas máis consolidadas do calendario galego, que se desenvolverá os días 18 e 19 de abril na contorna do monte San Roque, en Viveiro.

A proba contará con máis de 900 persoas inscritas nas distintas modalidades —C42K, C21K, C10K, C42K relevos, CamoviKIDS e unha andaina—, e xa ten completadas as prazas nas distancias de 21 e 10 quilómetros. A Vicepresidencia da Deputación volverá colaborar na organización dun evento que combina deporte, natureza e convivencia.

Durante o acto, o vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, destacou a importancia da carreira, cualificándoa como “unha das máis relevantes do país” e sinalando que “supón unha fin de semana espectacular para Viveiro, grazas ao traballo continuo do club organizador, que conseguiu situar a proba nun nivel internacional”.

Pola súa banda, o director da carreira, Pedro Esmorís, puxo en valor a filosofía da Camovi, subliñando que “é unha proba pioneira que foi medrando de maneira progresiva e controlada”. Neste sentido, explicou que a organización aposta por non aumentar o número de participantes para evitar a masificación e manter a esencia do evento, centrada “nunha experiencia que combina natureza, familia e aventura”.

Na presentación tamén estiveron presentes a alcaldesa de Viveiro, María Gueimunde, e o xefe de Deportes da delegación da Xunta en Lugo, Manuel Otero.

A programación arrancará o sábado coa celebración da CamoviKIDS e dunha andaina, mentres que o domingo será a quenda das probas principais de 42, 21 e 10 quilómetros. Na categoría elite está confirmada a presenza de destacados nomes do trail estatal como Alain Santamaría, Nerea Irigoyen, Antonio Martínez e Roberto García, ademais do atleta portugués Tiago Vieira.

0.11894702911377