A.C. Amado Lar organiza dous obradoiros creativos de cara ao Nadal no Valadouro

A Asociación Cultural Amado Lar, do Valadouro, prepara dúas propostas de carácter creativo para as próximas semanas, con dous obradoiros centrados na decoración e nas manualidades. As actividades estarán impartidas por Bea Ramil e celebraranse nas instalacións da entidade.
A primeira cita será un taller de bandeixas de decoupage, previsto para os días 30 de novembro e 3 de decembro de 2026, en horario de 18.30 a 20.00 horas. A inscrición terá un custo de 15 euros para as persoas socias e de 20 euros para as non socias. As persoas interesadas deberán anotarse antes do 23 de novembro, contactando con Rosa no teléfono 649 593 139.
A segunda proposta estará dedicada á elaboración de centros de mesa de Nadal. Neste caso, as sesións terán lugar os días 14 e 17 de decembro, tamén de 18.30 a 20.00 horas, cunha posible adaptación do horario. O prezo será de 15 euros para os socios e de 25 euros para os non socios. O prazo para apuntarse remata o 4 de decembro.
Os dous obradoiros desenvolveranse no local da A.C. Amado Lar e contarán con prazas limitadas. Para formalizar a inscrición ou solicitar máis información, as persoas interesadas poden chamar a Rosa ao número 649 593 139.