A Biblioteca Salgado Toimil de Foz reabre as súas portas e a OMIC cambia de localización

Foz
AMariñaXa
O servizo de información ao consumidor pasa a atender no edificio do Concello, mentres a biblioteca xa retomou a súa actividade
CASA-DA-CULTURA-E-BIBLIOTECA-PuBLICA-MUNICIPAL-DE-FOZ
9 Feb 2026

O Concello de Foz vén de anunciar a reapertura da Biblioteca Municipal Salgado Toimil, que volveu estar operativa a partir deste venres, 6 de febreiro, tras a realización de diversos traballos de mellora nas instalacións. Desde o goberno local informan de que, mentres se completan as últimas actuacións, poderían rexistrarse ruídos puntuais, polo que solicitan comprensión ás persoas usuarias.

Xunto a esta reapertura, o Concello comunicou tamén un cambio na localización da Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC). A partir de agora, este servizo municipal pasará a prestar atención ao público no edificio do Concello, concretamente nas Oficinas Xerais, co obxectivo de facilitar o acceso da veciñanza aos seus servizos.

A OMIC é un recurso gratuíto que ofrece información, asesoramento e apoio á cidadanía na defensa dos seus dereitos como persoas consumidoras. Entre as súas funcións atópanse a resolución de dúbidas, a tramitación de reclamacións e a mediación en conflitos derivados de relacións de consumo.

Desde o Concello destacan que estas melloras buscan reforzar a calidade dos servizos municipais e achegalos á veciñanza, apostando por unha atención máis próxima e accesible.

⚙ Configurar cookies
0.081247091293335