A Biblioteca El Viejo Pancho de Ribadeo logra por terceiro ano consecutivo o Premio María Moliner

AMariñaXa
O proxecto 'A biblioteca en acción: ler, crear e compartir' foi recoñecido cun galardón de 2.777,77 euros que se destinarán á compra de novos fondos bibliográficos
Biblioteca-viejo-pancho-Ribadeo-
24 Sep 2026

A Biblioteca Pública Municipal El Viejo Pancho de Ribadeo volveu ser recoñecida polo seu labor de promoción da lectura ao conseguir o Premio María Moliner de Animación á Lectura 2026, un galardón que recibe por terceiro ano consecutivo e que nesta edición distingue o proxecto 'A biblioteca en acción: ler, crear e compartir'.

A proposta premiada parte dunha concepción da biblioteca como un espazo activo, aberto á cidadanía e destinado non só á lectura, senón tamén á creación, á participación e ao encontro. Para iso, ao longo do ano desenvolveuse unha programación continuada dirixida a públicos de diferentes idades e colectivos.

Entre as iniciativas levadas a cabo figuraron clubs de lectura, propostas de animación para público infantil e xuvenil, obradoiros, presentacións de libros e encontros con autores e autoras, ademais doutras actividades culturais coas que se buscou ampliar a participación e reforzar a relación da veciñanza coa biblioteca.

O proxecto tamén incidiu na colaboración cos centros educativos, entidades culturais e sociais e outros axentes do municipio, establecendo vínculos que permitiron chegar a novos públicos e crear máis oportunidades para participar na programación.

A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, destacou que 'A biblioteca en acción: ler, crear e compartir' "representa unha forma de entender a biblioteca como un espazo vivo, no que ler, crear, compartir e participar". Neste sentido, incidiu na importancia de manter unha oferta cultural estable "ao longo de todo o ano e non unicamente de maneira puntual".

Para Sanjurjo, o Premio María Moliner supón tamén un respaldo ao traballo que se realiza de maneira continuada desde a Biblioteca El Viejo Pancho. "O premio recoñece o traballo continuado da Biblioteca Municipal e a súa capacidade para achegar a cultura á sociedade", sinalou.

A edil puxo especialmente en valor que o recoñecemento chegue por terceiro ano consecutivo. "Recibir este recoñecemento do Ministerio por terceiro ano consecutivo amosa que imos polo bo camiño e incentívanos a seguir adiante", afirmou.

O galardón está acompañado dunha dotación económica de 2.777,77 euros, unha cantidade que o Concello destinará integramente á adquisición de novos fondos bibliográficos. O obxectivo será ampliar e actualizar a colección da biblioteca e incorporar novos recursos que queden a disposición das persoas usuarias.

Desde a Biblioteca Municipal e o Concello de Ribadeo agradeceron tamén a implicación dos centros educativos, entidades culturais e sociais, escritores, participantes nos clubs de lectura e do resto de persoas que colaboran nas diferentes propostas.

Un agradecemento que fixeron extensivo especialmente ás persoas usuarias da Biblioteca El Viejo Pancho, cuxa participación nas actividades contribúe a manter vivo un espazo que busca consolidarse como punto de encontro arredor dos libros, da cultura e da creación.

0.13185286521912