A Biblioteca de Xove falla os premios do Concurso das Letras Galegas 2026 dedicado a Begoña Caamaño

A Biblioteca Municipal de Xove vén de facer público o fallo do xurado do Concurso das Letras Galegas 2026, unha iniciativa que cada ano organiza con motivo do Día das Letras Galegas e que nesta edición estivo centrada na figura da escritora e xornalista Begoña Caamaño.
O certame contou coa participación do alumnado do CEIP Pedro Caselles Rollán e do IES Illa de Sarón, que elaboraron traballos creativos inspirados na vida e na traxectoria dunha das voces máis destacadas da literatura galega contemporánea. O xurado, composto por representantes de distintas asociacións do municipio, destacou o nivel de participación, así como o compromiso coa lingua e a cultura galegas amosado polo alumnado.
Na categoría de Educación Infantil resultaron premiados Xare González Celaya, Enzo Santos Soto e Elsa Baño Bouza. En 1º e 2º de Primaria foron recoñecidas Carmela Míguez Varela e Isabella Lozada Salinas. En 3º e 4º de Primaria, a gañadora foi Valeria Vilasa Posada. En 5º e 6º de Primaria recibiron premio Ainara Sánchez Lage, Alba Maseda Franco e Lía Casabella Gacio. Na categoría de ESO, de 1º a 4º, o galardón foi para Marcos Mariño Ferrería.
As persoas premiadas recibirán os seus recoñecementos nun acto público que se celebrará proximamente no CEIP Pedro Caselles de Xove, nunha xornada de homenaxe á autora e de posta en valor das Letras Galegas.
Desde a organización quixeron agradecer a participación dos centros educativos, das familias e das persoas colaboradoras, así como o labor do xurado, destacando que este concurso continúa a consolidarse como unha cita cultural de referencia no municipio.