A Banda de Ribadeo celebrará as Letras Galegas cun concerto que inclúe catro estreas musicais

AMariñaXa
A actuación terá lugar o venres 16 de maio ás 20:30 horas no auditorio Hernán Naval
Musica-Clasica
10 May 2025

A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá un concerto especial con motivo do Día das Letras Galegas o vindeiro venres 16 de maio, ás 20:30 horas, no auditorio Hernán Naval. O evento incluirá a estrea de catro composicións que nunca antes foran interpretadas pola formación ribadense.

Segundo explicou o director da Banda, David Ballester Martínez, o programa dividirase en dúas partes: unha dedicada á música galega ou creada por compositores galegos, e outra con obras de diferentes estilos e procedencias, que completarán un repertorio variado e accesible. Un dos momentos máis singulares da noite chegará coa interpretación dunha peza que contará cunha narración en directo a cargo dunha das integrantes da Banda.

“Non podemos narrar as Letras Galegas no sentido literario, pero si queremos achegarnos a elas dende a música, que tamén ten letra e alma”, sinalou Ballester. O director quixo destacar o esforzo do grupo, que regresa ao escenario apenas un mes despois do concerto de Semana Santa, e animou á veciñanza a asistir: “Será un concerto especial, emotivo e con varias sorpresas para o público”.

O Concello de Ribadeo apoia esta iniciativa que se consolida como unha das propostas culturais máis destacadas arredor das Letras Galegas, homenaxeando tanto a nosa lingua como á creatividade musical.

⚙ Configurar cookies
0.1608738899231