A Banda de Música O Landro presenta a súa nova Banda Xuvenil para impulsar a remuda xeracional

AMariñaXa
O proxecto busca incorporar progresivamente á mocidade á formación musical e promover valores como o compañeirismo, o compromiso e o traballo en equipo
presentacion-banda-xuveni-o-landro
10 Jul 2026

A Banda de Música O Landro presentou este venres no Concello de Viveiro a súa nova Banda Xuvenil, unha iniciativa coa que a entidade pretende fortalecer a súa base formativa e asegurar a continuidade da agrupación nos vindeiros anos.

A nova formación nace como unha porta de entrada para que nenos, nenas e mozos e mozas se integren de maneira progresiva na actividade da Banda de Música O Landro. Ademais da aprendizaxe musical, o proxecto ten como finalidade fomentar valores como o compañeirismo, o compromiso, a responsabilidade, o respecto e o traballo en equipo.

Durante o acto tamén se destacou a reunión celebrada esta semana coas familias dos integrantes da Banda Xuvenil, tanto das persoas que xa forman parte da formación como das novas incorporacións. No encontro abordáronse cuestións relacionadas co funcionamento dos ensaios, o papel das familias no desenvolvemento do proxecto, a importancia da asistencia e da constancia, así como o coidado do material e das instalacións.

Segundo trasladou a propia entidade, a resposta das familias foi moi favorable, tanto polo contido musical da iniciativa como polo ambiente de convivencia que se está a crear arredor da Banda Xuvenil.

Na presentación tamén se fixo balance do obradoiro de construción de instrumentos musicais con material de refugallo celebrado durante o mes de xuño. A actividade obtivo unha valoración media de 4,98 puntos sobre 5 na enquisa realizada entre as familias participantes, e a totalidade das persoas que responderon aseguraron que recomendarían esta experiencia a outras familias.

O Concello de Viveiro puxo en valor o labor que desenvolve a Banda de Música O Landro para achegar a música ás novas xeracións e contribuír á dinamización cultural do municipio. A administración local tamén agradeceu a implicación das familias e da propia agrupación nun proxecto orientado a reforzar a educación musical, a convivencia e a participación da mocidade.

De cara ao mes de setembro, o Concello e a Banda de Música O Landro prevén colaborar na organización dun novo obradoiro co propósito de dar continuidade ás actividades formativas e ampliar a participación neste proxecto.

0.13990592956543