A aula universitaria da UNED en Foz ofrece cursos e unha exposición

Foz
AMariñaXa
Presenta a programación para este mes de novembro
041124-ELENA-MARTÍNEZ-E-MARTA-MUIÑA-PRESENTAN-A-PROGRAMACIÓN-DA-UNED-DE-FOZ-PARA-NOVEMBRO
4 Nov 2024

A concelleira da Aula Universitaria da UNED Foz, Elena Martínez Pena, e a coordinadora da mesma, Marta Muiña Rodríguez, veñen de presentar a programación para este mes de novembro, que inclúe unha exposición e catro cursos, para os que xa está aberta a inscrición.

Para comezar propoñen participar nun curso de organización e orde, Organización de espazos para mellorar a túa vida, impartido por Alba Caamaño Fernández. Muiña apunta que “é a docente idónea para unha formación deste tipo, xa que é a presidenta da AOPE (Asociación de Organizadores Profesionais de España) e conta cunha ampla experiencia neste ámbito de traballo”. Levarase a cabo os luns de 18.00 a 20.00 horas dende hoxe, día 4 de novembro, ata o 13 de xaneiro.

Nestas datas a mesma docente, tamén mentora de negocios e especialista en procesos ,estratexia e ventas, impartirá ademais o curso Crea o teu negocio dixital e consegue novos clientes. Será os luns de 16.00 a 18.00 horas, e ten como fin dar a coñecer os negocios dixitais e aprender a crealos cun paso a paso moi claro. A concelleira expón que “é unha gran oportunidade para aquelas persoas que pensen en emprender e isto pode repercutir positivamente nos servizos cos que conta a noso pobo”.

Buscando continuar a liña formativa do curso pasado, ofrecen de novo unha formación sobre Educación respectuosa, da man de Olaia Otero Cao, mestra de Educación Infantil. Impartirase do 7 ao 21 de novembro, os xoves de 16.00 a 19.30 horas. “Esta actividade combina a ensinanza de coñecementos teóricos e prácticos, incluíndo discusións participativas e actividades que permitirán aplicar o aprendido na vida diaria. Vai dirixida a familias e educadores”, explica a coordinadora.

Como xa vén sendo habitual, de novo a Aula Universitaria da UNED de Foz pon a disposición dos futuros opositores unha formación sobre Preguntas básicas de Constitución Española. As clases terán lugar do 25 de novembro ao 3 de decembro de 16.00 a 20.00 horas. “É de recibo contar con formacións demandadas pola veciñanza e os resultados saltan á vista cando as propostas suman varias edicións ás costas. Se algo funciona e se precisa debemos traballar arreo para ofrecelo”, indica a concelleira.

Ademais durante todo o mes poderá visitarse a exposición Mulleres de onte e hoxe no CENIMA. A lucense Ana María Rodríguez cede as súas pinturas acrílicas sobre lenzos nas que retrata a mulleres de onte, mulleres de Lugo, mulleres do mundo, mulleres en pandemia e lágrimas das mulleres de Ucraína. “Queremos traballar a prol do feminismo e reivindicar o papel da muller ao longo dos tempos e dos espazos. Esta exposición parécenos unha forma marabillosa de plasmalo”, indica a coordinadora da Aula, ao que a concelleira engade: “esta actividade inscríbese na programación que dende a Concellería de Muller se organiza para celebrar o 25 N. Ademais de denunciar a lacra social que vivimos causada pola violencia de xénero, queremos expoñer o poder da muller de calquera tempo”.

Finalmente recordan que o período de matriculación da UNED segue  aberto ata o día 5 de novembro e invitan á poboación “a achegarse á aula e informarse sobre os distintos servizos e recursos educativos que se ofrecen dende Foz”, comenta Elena Martínez. E Marta Muiña apunta que “a oferta de graos universitarios é moi ampla, pero ademais tamén contamos co curso de acceso á universidade para maiores de 25 e 45anos”.

Para obter máis información sobre calquera destas actividades pódese contactar coa Aula Universitaria de Foz no teléfono 982 133 699, no WhatsApp 604 034 549 ou no correo electrónico foz@lugo.uned.es

0.16645884513855