A atención sanitaria na provincia de Lugo os sábados pola mañá centralizarase desde esta semana nos 18 PAC

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Esta actuación enmárcase no decreto polo que se modifica o Plan de urxencias extrahospitalarias de Galicia
medico sergas sanidade
4 Jun 2026

A Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos centralizará a partir deste sábado, 6 de xuño, toda a atención sanitaria urxente dos sábados pola mañá nos 18 Puntos de Atención Continuada (PAC), con que conta a provincia. Esta medida, que xa se estaba aplicando na maioría dos PAC lucenses, permitirá fortalecer a continuidade asistencial e adaptar a organización sanitaria ao
novo marco establecido pola Xunta de Galicia.

Esta actuación enmárcase no decreto polo que se modifica o Plan de urxencias extrahospitalarias de Galicia e que estende o horario de apertura e funcionamento dos PAC á mañá dos sábados. Deste xeito, os PAC pasan a funcionar de luns a venres desde as 15.00 horas ata as 8.00 horas do día seguinte, e durante as 24 horas no caso dos sábados, domingos e festivos.

A ampliación do horario dos PAC aos sábados pola mañá forma parte da estratexia impulsada pola Consellería de Sanidade para reforzar a asistencia sanitaria continuada á cidadanía e dar cumprimento aos acordos acadados para a redución da xornada ordinaria a 35 horas semanais. Ademais, dota de seguridade xurídica a unha atención sanitaria dos sábados pola mañá que xa tiña, na práctica, natureza de atención continuada.

A atención dos sábados pola mañá estará garantida en toda a provincia a través dos 18 PAC existentes, que permanecerán plenamente operativos e dimensionados para responder ás necesidades asistenciais da poboación. Esta reorganización permitirá prestar este servizo de forma homoxénea e coordinada en toda a provincia a través dos  dispositivos de atención continuada.

No caso da provincia de Lugo, a maioría dos PAC centralizaban xa a asistencia sanitaria os sábados pola mañá, polo que apenas haberá variacións, pois xa estaban operativos as 24 horas.

Cuarto equipo de sanitarios no PAC de Lugo

No tocante ás modificacións, na cidade de Lugo a atención sanitaria dos sábados pola mañá realizábase no Centro Integral de Saúde (CIS). A partir deste sábado prestarase no PAC, situado no mesmo edificio, pero con acceso específico pola parte posterior (rúa Serra de Outes). Ademais, esta reorganización irá acompañada dun reforzo asistencial, coa incorporación dun cuarto equipo integrado por profesionais de medicina e enfermaría para a atención dos sábados pola mañá.

Tamén o PAC de Chantada verá reforzada a súa capacidade asistencial coa incorporación dun segundo equipo de atención médica e de enfermaría os sábados pola mañá, do mesmo xeito que xa sucede os domingos e festivos.

Na Mariña, a asistencia sanitaria dos sábados pola mañá continuará prestándose igual que agora nos PAC de Ribadeo, Mondoñedo, Viveiro e no PAC de Burela (este situado nas dependencias do Hospital Público da Mariña), así no centro de saúde de Foz, o único que se manterá operativo os sábados pola mañá.

No caso de Outeiro de Rei e de Monforte de Lemos, a atención dos sábados pola mañá pasará dos seus respectivos centros de saúde a realizarse nos PAC, que no caso de Outeiro de Rei está situado a carón do centro de saúde (con acceso desde a N-VI), mentres que en Monforte de Lemos a asistencia será prestada no PAC situado no Hospital Público de Monforte.

En Friol, a atención sanitaria dos sábados pola mañá poderá prestarse en calquera dos seguintes Puntos de Atención Continuada da contorna dese concello: Lugo, Guitiriz, Palas de Rei, Outeiro de Rei ou Guntín, garantindo así diferentes alternativas de acceso á asistencia sanitaria urxente, a elección do usuario.

Melloras retributivas

A ampliación do horario dos PAC aos sábados pola mañá vai acompañada dun importante esforzo organizativo, asistencial e orzamentario por parte da Xunta de Galicia. Esta medida compleméntase, ademais, cun programa de voluntariedade incentivada para a realización de gardas nos PAC, acordado na Mesa Sectorial de Sanidade, que incorpora importantes melloras laborais e retributivas para os profesionais. Así, prevese un incremento progresivo das retribucións por xornada complementaria do 15,36 % para o persoal facultativo e do 22,62 % para o persoal de enfermaría, así como melloras específicas para o persoal de xestión e servizos.

Deste xeito, a Xunta de Galicia garante a prestación da atención sanitaria de urxencia no nivel de atención primaria, reforza a continuidade asistencial durante a fin de semana e salvagarda os dereitos do persoal sanitario, nun contexto marcado pola escaseza estrutural de profesionais que afecta ao conxunto do Sistema Nacional de Saúde.

Os 18 Puntos de Atención Continuada (PAC) da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos atenden cada ano máis de 250.000 urxencias extrahospitalarias, cunha alta capacidade resolutiva, dando resposta autónoma á práctica totalidade das urxencias que atenden, sen necesidade de derivar aos pacientes ao hospital.

Na provincia de Lugo, a porcentaxe de derivación dos PAC aos hospitais sitúase historicamente por debaixo do 10% de media, un dato que confirma a eficacia, e o papel clave destes dispositivos de proximidade na atención das urxencias extrahospitalarias.

0.11817002296448