A asociación O Vencello critica a falta de transparencia nas obras da rúa Curros Enríquez en Burela

AMariñaXa
O colectivo veciñal denuncia improvisación, contradicións e ausencia de información oficial sobre a remodelación
Burela-vista-de-noite-2022
16 Sep 2025

A asociación de veciños O Vencello fixo público o seu malestar polo modo en que o Goberno municipal está a levar adiante as obras de remodelación da rúa Curros Enríquez. O colectivo considera que o Concello actuou con precipitación e sen transparencia, xa que só anunciou o inicio dos traballos con 48 horas de antelación e sen ofrecer datos claros sobre a actuación.

Desde a entidade sinalan que se trata dunha obra de gran relevancia, ao afectar á circulación viaria do centro urbano e condicionar o futuro inmediato do municipio. Porén, aseguran que o Concello limitouse a comunicar o comezo dos traballos un venres para arrincar xa o luns seguinte, sen dar opción a unha planificación adecuada por parte da veciñanza.

O Vencello subliña tamén a ausencia do cartel informativo obrigatorio, no que debería constar a licenza, o orzamento, a dirección técnica, a financiamento e o prazo de execución. Segundo lembran, o propio Concello asegurou que a duración da obra sería de tres meses, mais na Plataforma de Contratación do Sector Público figura un prazo de catro meses a partir do 1 de xullo. “É unha contradición que require explicacións”, apuntan, ao tempo que se preguntan se o prazo real comeza en xullo ou en setembro.

Outro dos aspectos que preocupa ao colectivo é a desaparición total de prazas de aparcamento na zona. O Concello, a través das súas redes sociais, anunciou que se habilitará un novo estacionamento con máis capacidade, pero non detallou nin a súa localización nin a data prevista de apertura. Para O Vencello, resulta incomprensible que non se puxese en marcha ese aparcadoiro antes de eliminar as prazas existentes.

A asociación reclama tamén que se teñan en conta outras rúas do municipio que precisan melloras urxentes. Como exemplo, lembran que seguen pendentes uns 150 metros de beirarrúas na parte leste da travesía xeral, á altura do Perdouro e diante de Construdeco. A súa ausencia obriga ás persoas peóns a cruzar dúas veces a calzada, “co risco evidente que isto supón para a seguridade viaria”.

Por todo isto, O Vencello pide ao Goberno municipal máis claridade e respecto pola veciñanza, ofrecendo información completa sobre as obras e garantindo que decisións de tal alcance se comuniquen con tempo e detalle suficientes.

⚙ Configurar cookies
0.10202407836914