A Asociación Nenea abre unha nova etapa coa súa chegada a Mondoñedo

AMariñaXa
A entidade especializada en educación na natureza presentará tamén o proxecto Familias en Rede nun encontro gratuíto no Auditorio Pascual Veiga
MONDOÑEDO-nenea-2026
4 Jun 2026

A Asociación Sociocultural Nenea, medrar creando dará o próximo 17 de xuño un novo paso na súa traxectoria coa presentación oficial da súa chegada a Mondoñedo, cidade na que establecerá a sede do seu Laboratorio Formativo. A iniciativa supón o inicio dunha nova etapa para a entidade, que tras máis de dez anos de traballo no ámbito da educación na natureza reforza a súa presenza na comarca e amplía a súa actividade vinculada á formación e á innovación pedagóxica.

O novo espazo nace coa vocación de converterse nun punto de referencia para profesionais da educación, familias e persoas interesadas en metodoloxías educativas alternativas e conectadas co medio natural. A través deste laboratorio desenvolveranse accións formativas, servizos de asesoramento pedagóxico e viaxes de aprendizaxe orientadas ao intercambio de experiencias e coñecementos.

Desde a asociación destacan que o traslado da súa sede formativa a Mondoñedo responde á vontade de seguir impulsando proxectos que favorezan a transformación educativa e o desenvolvemento comunitario, mantendo a filosofía que caracterizou a entidade desde os seus inicios.

A xornada servirá tamén para dar a coñecer Familias en Rede, unha nova proposta creada para favorecer o encontro entre familias con nenos e nenas en idade infantil. O proxecto pretende construír un espazo de apoio mutuo, diálogo e participación no que compartir inquietudes, experiencias e reflexións relacionadas coa crianza e a educación.

O acto celebrarase no Auditorio Pascual Veiga a partir das 17.00 horas e incluirá diversas actividades paralelas destinadas ás crianzas, co obxectivo de facilitar a participación das familias. A programación concluirá cunha pequena merenda compartida entre as persoas asistentes, promovendo un ambiente distendido para o intercambio de impresións e a creación de novos vínculos.

A asistencia será libre e gratuíta ata completar a capacidade do recinto, nun encontro co que Nenea quere abrir as portas desta nova etapa e achegar á veciñanza os proxectos que desenvolverá desde a súa nova sede en Mondoñedo.

0.11582398414612