A asociación Mistura de Lieiro organizou unha limpeza na praia de Cubelas para conservar o litoral de Cervo

A praia de Cubelas acolleu unha nova xornada de limpeza impulsada pola asociación Mistura de Lieiro para contribuír á conservación do litoral de Cervo. A iniciativa forma parte do Plan de Acción de Alcoa, que promove a colaboración entre as entidades sociais e o voluntariado para coidar os espazos naturais do municipio.
Os traballos centráronse na retirada de residuos e na mellora das condicións deste areal, co propósito de favorecer a conservación do medio natural e manter o entorno costeiro limpo e coidado.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes e agradecer tanto á asociación Mistura de Lieiro como ao voluntariado a súa implicación nesta actividade.
A iniciativa pon de manifesto o papel da colaboración cidadá na protección dos espazos naturais e na conservación do patrimonio ambiental do municipio.